A Corporación Municipal do Carballiño deu hoxe o visto bó en sesión plenaria á aprobación definitiva dos orzamentos do Concello para este ano, que ascenden a un montante global de 11.217.136,63 euros, dos cales 640.000 euros serán adicados a investimentos. O expediente informativo que rexeitaba as alegacions formuladas por Espazo Común e BNG á aprobacion inicial foi aprobado cos 11 votos a favor do goberno local, integrado por PSOE e PP, e os seis en contra da oposición (cinco de Espazo Común e un do BNG).
Por parte da formación nacionalista, Sofía García destacou que “estes orzamentos non teñen en conta a opinión da veciñanza e reflexan a desconexión que hai entre ésta e o grupo de goberno”. Tamén criticou que os capítulos de gastos en personal e bens correntes “se leven o 90% dos orzamentos” e avogou pola procura de financiamento para levar a cabo máis proxectos no municipio.
Adolfo Nogueira, de Espazo Común, manifestou que non é lóxico que PSOE e PP rexeiten as súas alegacions referentes ao incremento dos gastos en enerxía eléctrica ou para elaborar un inventario de bens municipais, consideradas “alegacions políticas” por parte do interventor. Asemade, lembrou que tampouco se tiveran en conta as presentadas polos sindicatos con representación na plantilla do Concello.
Como voceiro do Partido Popular, José Castro-Gil coincidiu co alcalde, Francisco Fumega, en subliñar que as partidas orzamentarias son as axeitadas tendo en conta que os impostos e as taxas están conxeados dende hai 10 anos. Por outra banda, destacou os investimentos anunciados en proxectos como son as melloras previstas na Praza de Abastos ou no Parque municipal, e a peonalización da contorna da Praza Maior.
Fumega indicou que “estes son uns orzamentos que se adaptan á realidade do Carballiño” e fixo referencia as achegas do Plan de Sostibilidade Turística (un millón de euros) e do Plan de Cooperación da Deputación (480.000 euros).