Luis Menor pide unha solución “ambiciosa” ao Goberno central para a N-541: “Unha reforma integral combinada cunha vía de alta capacidade que una Ourense e Pontevedra”

O presidente provincial considera que deste xeito “sería a solución definitiva para vertebrar ambos territorios, solucionando os graves problemas de inseguridad e dispoñendo dunha conexión sólida e de futuro” 

AVANTAR ACTIVIDADES

Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, falou en nome dos rexedores asinantes do Pacto de Pedre, e agradeceu o apoio da Deputación de Ourense, adheríndose a esta reivindicación, e a sensibilidade do seu presidente coas súas reivindicacións 

Na reunión que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial participaron, ademáis de Cubela e Menor, os alcaldes e alcaldesas Patricia Torres, de Boborás, Manuel Prado, de Beariz; Manuel Vázquez, de Punxín, Susana Iglesias, do Irixo, Manuel Iglesias, de Maside; e Francisco Fumega, do Carballiño 

Ourense, 5 de outubro de 2023.- Os alcaldes e alcaldesas asinantes do Pacto de Pedre (Jorge Cubela, de Cerdedo-Cotobade; Patricia Torres, de Boborás; Manuel Prado, de Beariz; Manuel Vázquez, de Punxín; Susana Iglesias, do Irixo, Manuel Iglesias, de Maside, e Francisco Fumega, do Carballiño), mantiveron hoxe unha reunión co presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor para solicitar o apoio da institución provincial na reivindicación da mellora integral da estrada N-541. 

Luis Menor recalcou a importancia da petición unánime dos alcaldes dos municipios afectados de dúas provincias. Sinalou que o tráxico accidente na Noiteboa de 2022, con 7 falecementos, amosou a crudeza da situación de falta de seguridade que ten unha vía que vertebra dúas provincias e une dúas capitais de provincia. “A estrada está igual que hai 30 anos, salvo algún remendo que en nada mudou a situación. A Deputación non pode ser máis que solidaria e reivindicativa cunha petición de aumento da seguridade, pois as mortes non as podemos soportar”, recalcou.  

Luis Menor tamén abundou no valor estratéxico que ten esta estrada para o desenvolvemento económico de dous territorios. “Por iso precisamos maior ambición: por suposto, e en primeiro lugar, unha reforma que é máis que necesaria. Pero iso debémolo combinar cunha vía de alta capacidade que una as capitais das provincias de Ourense e Pontevedra. Sería a solución definitiva para vertebrar, solucionando os problemas actuais e dispoñendo dunha conexión sólida e de futuro na que o Goberno central se debe poñer a traballar, polo ben de ambas provincias”.  

Jorge Cubela, que falou en nome dos alcaldes firmantes do Pacto de Pedre, agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e a sensibilidade do seu presidente, Luis Menor, respecto á súa petición: a mellora integral da N-541. A súa falta de adherencia, situación actual e estado de conservación está provocando unha grave inseguridade para as persoas, con demasiados sinistros de tráfico. E sinalou como necesidade inmediata unha capa de rodadura no seu trazado integral e mellora nos accesos aos núcleos poboacionais.