A parte empresarial denuncia e condena as accións de presión e fustrigación realizadas a traballadores e traballadoras no día da folga para lograr que secunden o paro
O incremento solicitado polas centrais sindicais, do 20% en dous anos, é inasumible para o sector, segundo a parte empresarial
A representación empresarial acode o vindeiro martes ao acto de mediación coa firme vontade en todo momento de alcanzar un acordo que permita a firma do convenio
A parte empresarial, ao non percibir a vontade de chegar a un acordo pola parte sindical, foi a primeira en solicitar unha mediación independente no mes de abril, que foi rexeitada
Ourense, 16 de maio de 2025_ Tras dous meses de reunións, os integrantes da mesa de negociación do convenio colectivo de comercio de alimentación da provincia de Ourense (que representa ao conxunto do pequeno e mediano comercio de alimentación e os distribuidores galegos Cuevas, Froiz e Gadis) non chegaron aínda a un acordo que permita asinar o documento e poñer fin a unha estratexia de presión que está a prexudicar gravemente a empresas, traballadores e consumidores ourensáns.
O anterior acordo, de 2021, estableceu unha vixencia de 4 anos para este convenio, polo que o pasado 18 de marzo iniciáronse as negociacións entre as partes. Tras sete reunións, os sindicatos USO, CIG, CCOO e UXT, rexeitan a proposta empresarial e continúan sen achegar posturas #ante a parte empresarial que considera que o incremento salarial exposto polas centrais sindicais abocará ao peche a moitas pemes do sector, pertencentes ao pequeno comercio, poñendo en perigo a súa sustentabilidade.
Tras as accións dos últimos días, os representantes empresariais sentados na mesa de negociación deste convenio condenan os actos de presión e fustrigación sufridos por traballadores e empresas durante a xornada de folga. Consideran así mesmo que son igual de respectables o dereito ao traballo como o dereito á folga.
Aínda que esta negociación non se trata dun convenio de empresa, desde a parte empresarial queren lembrar que non só afecta a tres empresas, senón a todas dedicadas ao comercio de alimentación —grandes e pequenas— na provincia de Ourense: fruterías, peixarías, carnicerías e tendas de alimentación. Cabe lembrar que as empresas incluídas neste convenio son exclusivamente galegas. Os grandes grupos de distribución nacionais ou internacionais, non ven afectados por esta negociación, polo que o resultado é unha presión desigual que prexudica ao comercio local.
Con todo iso, consideran que o incremento salarial solicitado polas centrais sindicais dun 20% en dous anos é totalmente inasumible para o sector.
Acto de mediación co Consello Galego de Relacións Laborais
O vindeiro martes, 20 de maio, ambas as partes están convocadas a un acto de mediación no que participarán dúas mediadoras designadas polo Consello Galego de Relacións Laborais.
Con respecto a este acto, desde a parte empresarial queren recalcar a súa transcendencia e a finalidade do mesmo, que implica a consecución dun achegamento de posturas das dúas partes. No seu ánimo de chegar a un acordo, a parte empresarial xa solicitara ao Consello Galego de Relacións Laborais unha mediación no mes de abril, que foi rexeitada de forma unánime pola parte sindical. Con todo, acudirán á cita de mediación do próximo martes coa mesma vontade que tiveron sempre: a de tratar de alcanzar un acordo, confiando en que esta sexa unha oportunidade real de desbloqueo se existe vontade da parte sindical neste sentido.