Ribeiro en Común tivo coñecemento do malestar que existe en Francelos polo desprezo do alcalde de Ribadavia contra os veciños que pertencen á ‘levada’ veciñal, e que esta pasada fin de semana mantiveron unha xuntanza. Según o voceiro desta formación política, Brais Fidalgo, á comunidadede regantes desta parroquia de Ribadavia “non só se lles retirou unha subvención de 3.000 euros, senón que o desprezo foi total mesmo na colaboración con material, gasolina e funxibles necesarios para a labor”.
Por todo isto, Brais Fidalgo defenderá unha moción no vindeiro Pleno na que se pide que o Concello volva a colaborar coa levada, xa que no pasado mandato, á iniciativa súa, creouse unha partida no orzamento municipal para colaborar coa levada de Francelos, e que son incomprensibles as razóns polas que o PP a eliminou.
Ribeiro en Común demanda que o goberno municipal recoñeza o valor da comunidade regante de Francelos, e da asociación que a xestiona. A coñecida como levada ten unha enorme importancia social na parroquia, e supón un enorme aforro ecolóxico e económico no ciclo da auga do noso municipio.
“Por parte dos veciños regantes o malestar é moi grande. A subvención creada era destinada a sufragar unha parte do mantemento mínimo e da realización de melloras no regadío, que é mantido de maneira desinteresada e a base de moito traballo voluntario dos veciños, sen participación do Concello”, asegura Fidalgo. E engade que “pero quizais a molestia maior está orixinada no desprezo do alcalde e do goberno local cara a comunidade de regantes de Francelos e a súa importante labor”.
Por todo elo, Ribeiro en Común vén de presentar unha moción solicitando que o Concello de Ribadavia recoñeza a labor e valor importante da comunidade de regantes, “e, en consecuencia, volva a recoñecerelle a colaboración económica que existía con esta asociación de Francelos”.
Asemade, tamén se pide a aprobación dunha modificación orzamentaria para recoñecerlle a axuda para este ano 2025, e se volva a crear no orzamento municipal unha partida para a asociación de regantes de Francelos.