O alcalde de Ribadavia e presidente da Red de Juderías, César Fernández, mantivo este venres un encontro institucional co alcalde de Sevilla, José Luis Sanz, na Real Fábrica de Artillaría da capital andaluza. A reunión celebrouse despois de que Sevilla formalizase a súa solicitude para volver a formar parte da Red de Juderías, na que estivo integrada até o ano 2016. No encontro tamén participou a delegada de Turismo e Cultura de Sevilla, Angie Moreno.
Durante a xuntanza, o alcalde de Sevilla entregoulle a César Fernández a carta de reincorporación. Ademais, ambos destacaron a importancia de reforzar os vínculos culturais, turísticos, educativos e patrimoniais entre os municipios membros e potenciar o legado xudeu como un valor diferencial no desenvolvemento turístico sustentable.
Desde o Concello de Ribadavia, activa impulsora da Red, valórase moi positivamente o interese de Sevilla por regresar a este proxecto común de promoción e preservación do patrimonio sefardí e que serve para unir lazos entre localidades.
Unha Red de Juderías á que precisamente o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ribadavia insta á romper calquera relación co Estado de Israel, ao traverso dunhya moción que será debatida na vindeira sesión plenaria. Os nacionalistas propoñen que a Corporación condene “o xenocidio que o Estado de Israel está a perpetrar contra a poboación palestina”, e que “o Concello de Ribadavia, desde a presidencia da Rede de Xudarías de España, promova o cese toda relación coas institucións israelís”. Ademais, o BNG pide o traslado destes acordos aos municipios membros da Rede de Xudarías e ás entidades do Estado español que traballan coa mesma.