O ‘II Festival de Percusión’ congregará no Carballiño a 180 músicos de Ourense e Pontevedra

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A vila do Arenteiro converterase a vindeira fin de semana nun punto de referencia da educación e interpretación musical coa celebración de “II Festival de Percusión”, organizado polo Conservatorio Profesional e a Escola de Música do Concello do Carballiño e co patrocinio de varias entidades comerciais. A presentación deste evento, que congregará a 180 estudantes de Ourense e Pontevedra, tivo lugar hoxe coa presenza da concelleira de Educación, Lorena Castro; a directora do Conservatorio municipal, Celia Salceda, e dun dos profesores de percusión deste centro, Rubén Comesaña.

O festival “O Carballiño soa” chegara así á súa segunda edición o venres, día 30, e o sábado, 31 de maio, cun variado programa de concertos, cursos e exhibicións, “co obxectivo de darlle visibilidade ao noso conservatorio e ao seu alumnado, ademais de ser un punto de encontro entre os centros de ensino musical das provincias de Ourense e Pontevedra”, apuntou Lorena Castro.

O programa, según avanzou Rubén Comesaña, iniciarase o venres, ás 20,00 horas e no Auditorio Manuel María, cun concerto no que participarán uns 50 percusionistas dos conservatorios e escolas de música do Carballiño, Ribadavia, O Rosal, Valladares e Moraña, e que tamén contará coa presenza de Nicolás Montero e Jorge Isaac González, do Conservatorio de Ourense.

Xa o sábado, ás 10,00 e na Pista Roxa, haberá un curso de percusión corporal con Fran Mark, no que participará o alumnado do Carballiño, e ao que seguirá un concerto ás 13,00 horas. O mesmo día, na Praza Maior e dende as 17,00 horas, impartirase un obradoiro gratuíto de batucada aberto a toda a cidadanía. E o festival clausurarase ás 19,00 horas na Praza Maior cun pasarrúas e exhibición de batucada a cargo do grupo Percucar.