O Potiños convoca o seu ‘Concurso Fotográfico 2025’ de temática libre con 700 euros en premios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A asociación O Potiños vén de publicar as bases dunha nova edición do seu ‘Concurso Fotográfico’ coa colaboración do Concello e o Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño, e que con temática totalmente libre está aberto á participación de persoas maiores de 14 anos. O certame foi presentado hoxe polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a xerente do CCA, Noelia Mares, e o presidente de O Potiños, Manuel Blanco.

O edil de Cultura salientou que “iste é un concurso consolidado a nivel de todo o Estado, e O Potiños sitúa ao Carballiño no mapa coa organización de exposicións, charlas e certames dunha calidade altísima, tal e como se pode comprobar no Arenteiro Fotográfico”. Noelia Mares lembrou que “xa son moitos anos nos que o CCA está a apoiar este concurso, que representa unha boa oportunidade para que a xente coñeza O Carballiño e tamén o seu comercio local”.

Pola súa banda, Manuel Blanco agradeceu á Concello, CCA e Deputación de Ourense  “a súa boa disposición de sempre para apoiar este concurso fotográfico, que xa trascende os niveis local, provincial e nacional para ser internacional, xa que recibimos imaxes doutros países como Venezuela ou Guatemala, entre outros”.

As persoas interesadas en participar deberán enviar un máximo de tres fotos en formato de arquivo JPEG en modo cor RGB e unha resolución suficiente para amplialas a 40×60 cm., vía correo electrónico á páxina web de O Potiños (www.potinos.com) con data tope do 10 de agosto. Blanco apuntou que “coas 20 fotos seleccionadas finalmente farase unha exposición no Arenteiro Fotográfico, que se celebrará do 13 de setembro ao 15 de outubro deste mesmo ano”.

Un xurado integrado por representantes do Concello e do CCA e tres expertos en fotografía será o encargado de realizar a escolma e concederá tres premios, o primeiro, dotado con 400 euros, do Concello; e o segundo e terceiro, de 200 e 100 euros, respectivamente, en vales de compra do Centro Comercial Aberto.