30, maio, 2025. José Luis Suárez Martínez (Róterdam, Holanda, 1967) vén de revalidar a presidencia do Partido Popular en Monterrei, logo do congreso celebrado nesta agrupación local. Unha convocatoria que clausurou o presidente provincial, Luis Menor, quen destacou que entre os obxectivos de José Luis Suárez “non está simplemente revalidar as maiorías absolutas no seu municipio en cada elección, senón seguir facendo que o partido medre”.
Para Luis Menor, a confianza do presidente local na situación de solidez do partido “non implica que haxa que deixar de seguir traballando duro para gañar o apoio maioritario da veciñanza”. Neste sentido apuntou que Suárez ten un amplo coñecemento das administracións, por iso sabe da importancia da colaboración con outras administracións como a Deputación e a Xunta, en asuntos tanto de ámbito local como provincial, como está a facer cunha das xoias patrimoniais da provincia como é o Castelo”.
Pola súa banda, José Luis Suárez agradeceu á dirección provincial que convocara este congreso, o que lle permite renovar a agrupación local, que celebrara o seu último conclave en 2014. O presidente dos populares de Monterrei asegurou que estas citas son fundamentais tanto para organizar como para poñer a punto o partido. “Unha posta en común de ideas para falar de futuro”, dixo, coa vista posta nas elección municipais de maio de 2027 e cun partido “unido e consolidado”.