O festival ‘Platta 2025’ presenta esta fin de semana no Carballiño obras de teatro de Galicia, Castela-León e Portugal

A Residencia de Tempo Libre e o Auditorio Manuel María do Carballiño converteranse esta fin de semana en sedes do festival transfronteirizo de teatro ‘Platta 2025’, coa organización de obradoiros, lecturas dramatizadas e representacións escénicas. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá na Casa do Concello carballiñesa, coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; a presidenta da Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea), Chelo Pampillón, e o director da compañía Tiruleque Teatro, Xosé Prada.

Diego Fernández subliñou a oportunidade que supón para a veciñanza este festival “para descubrir novos grupos e poder participar en obradoiros de formación e lecturas dramatizadas, por iso faga un chamamento para que veciñas e veciños desfruten dun programa cunha calidade moi importante”.

Pola súa banda, Chelo Pampillón lembrou “os 25 anos que xa levamos con Fegatea e o nacemento de ‘Platta’ no ano 2012 a partir das xornadas anuai de teatro que organizábamos”. Xosé Prada salientou o interese polas lecturas dramatizadas, “que deberían ser de asistencia obrigatoria”, e que terán lugar o sábado 14 na Residencia a partir das 10,30 horas. Tamén, o obradoiro de clown que impartirá Fran Rei na mesma sede en horarios de 10,00 a 14,00 (o sábado) e de 10,00 a 13,00 (o domingo) e para o que hai aínda prazas libres.

A nivel de escea, o Auditorio do Carballiño acollerá o venres 13 e o sábado 14, respectivamente e ás 20,30 horas, as representacións de “Vivir con Huntington”, de O Trasno Teatro (Galicia) e “Pasaremos sin nombre a la historia”, de Catarsis Teatro (Castela-León).

Xa o domingo, día 15, ás 12,00 horas, levarase a cabo no Auditorio a escenificación das lecturas dramatizadas nos tres idiomas e a entrega de diplomas do obradoiro. O festival rematará ás 18,00 horas coa representación de “Os mendigos”, a cargo do grupo Teatro Duplaface (Portugal).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------