
A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do Conservatorio e da Escola de Música municipais do Carballiño vén de anunciar que interporán un recurso de reposición ante o Concello contra a aprobación da ordenanza nº 16, que regula as taxas destes centros de ensino. Precisamente onte, 11 de xuño, publicouse no BOP a aprobación definitiva desta normativa, que foi aprobada definitivamente polo pleno da Corporación o 29 de maio pasado.
Dende a directiva da Anpa consideran que, “desde o inicio, este proceso estivo lonxe de ser transparente e participativo. O Concello incumpriu flagrantemente o acordo previo de dialogar e consensuar esta ordenanza coa nosa comunidade educativa. As nosas reiteradas solicitudes de reunión e as nosas propostas caeron en saco roto, evidenciando unha total falta de vontade de diálogo por parte da Área de Educación”.
Por todo elo, presentarán o devandito recurso pero, ademais, trasladarán á Valedora do Pobo “todos estes incumprimentos graves”, solicitando “o seu amparo e que interveña ante a situación de indefensión e falta de transparencia que sufrimos”. Avanzan, tamén, que “xa estamos buscando financiamento a través da xustiza gratuíta para interpoñer un recurso contencioso-administrativo. Esta vía xudicial é crucial para impugnar a ordenanza directamente ante os tribunais e esixir que se restauren a legalidade e os dereitos da nosa comunidade”. Finalmente, dende a Anpa anuncian que “tamén falaremos con urxencia coa representación de todos os grupos políticos que conforman a Corporación municipal para trasladarlles a gravidade da situación e buscar vías para resolver esta inxustiza a nivel político”.
Por outra banda, a empresa ’07 Obras y Servicios, S.L.” prosigue nestes intres coas obras de reforma e acondicionamento das dependencias do Conservatorio e da Escola Municipal de Música, ubicadas nos baixos do Auditorio Manuel María, co obxectivo de paliar os efectos do gas radon detectado nas instalacions. A empresa está a levar a cabo nos últimos días os traballos de elevación dos niveis do soto, onde están situados e xa habilitados provisionalmente os aseos do edificio, para a introducción da capa de protección que evitará no futuro as emisións do gas, e que se ampliarán a toda a superficie do inmoble. O orzamento das obras supera os 131.000 euros.