A vindeira semana, os días 17 e 18 de xuño, vai ter lugar en Ribadavia a celebración da asamblea anual da Rede de Xuderías ‘Camiños de Sefarad’ e, por ise motivo, Ribeiro en Común quere aproveitar a presenza de diferentes representantes de Concellos de España para demandar paz na zona de Gaza.
Neste sentido, esta formación política da Corporación ribadaviense desexa que a asamblea aprobe esta declaración institucional, pedindo paz en Gaza: “Diante das noticias e imaxes que nos chegan desde a Franxa de Gaza, a Rede de Xuderías Camiños de Sefarad quere manifestar pública e enerxicamente o seu repudio a todo ataque e acción que provoque tan graves violacións dos dereitos humanos e dos dereitos fundamentais de civís e persoas protexidas, especialmente nenos e nenas, incluíndo a perda de innumerables vidas. Facemos un chamamento para que Israel permita a entrada sen restricións de axuda humanitaria a poboación civil na zona, e para que se impoña na zona por parta da Comunidade Internacional, de maneira inmediata e sen reservas, o cumprimento das normas do Dereito Internacional Humanitario e o cese definitivo da violencia”.
Así mesmo, Ribeiro en Común tamén solicita a colocación “dunha bandeira de Palestina no balcón da Casa do Concello en solidariedade coa poboación civil de Gaza e Palestina, tal e como se ten feito anteriormente noutras crises humanitarias, e algo que moitos concellos galegos están a facer”. A petición foi rexistrada onte, e súmase á iniciativa aprobada por unanimidade do pasado Pleno.