Turbeiras contra o cambio climático, este domingo en Baltar

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO
  • Visita aos humidais do Larouco e conferencia de dous profesores da USC un xornada de concienciación sobre os valores da montaña sagrada do Sur de Ourense.

O monte sagrado do Larouco, entre A Limia e o Barroso portugués, é unha montaña que alcanza os 1.525 metros de altitude e na que nacen ríos como o Cádavo e varios afluentes do Limia. Entre os breixos e as torgas, as xestas e os toxos do seu lombo, por onde discorre a raia, agocha ademais formacións básicas para o sistema de augas do monte: as turbeiras, catalogadas e protexidas do lado portugués, apenas descubertas e de urxente protección do lado galego.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Este domingo, dentro do ciclo de actividades Os meses do Larouco, unha iniciativa que xurde da loita contra a invasión eólica da vertente galega por impulso do Club Parapente Baltar e de Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova, serán presentadas en sociedade as dúas áreas de turbeiras galegas.

Será durante unha visita guiada por dous dos seus catalogadores -os profesores da USC Xabier Pontevedra-Pombal, do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola, e Marcos Valcárcel, do Departamento de Xeografía-. Non é precisa inscrición nin ten custe ningún, só é preciso estar ás 9,30 horas no punto de encontro, o Bar O Cepo, en Baltar, para saír en coche até o despegue norte do parapente desde onde se iniciará unha marcha a pé duns 6 quilómetros, entre a subida e a baixada ao Coto Farelo.

Despois de coñecer a zona, de regreso a Baltar, celebrarase no Centro Social unha conferencia a cargo dos mesmos profesores para explicar detalles científicos das turbeiras e a súa importancia no conxunto de humidais que se están catalogando no Sur de Ourense.

O inicio da conferencia está previsto para as 13,15 horas, cunha duración duns 40 minutos. Despois, haberá un xantar no mesmo centro para quen queira traer a comida.

As turbeiras de montaña son especialmente vulnerables ao cambio climático, e por iso a Acción Global sobre as Turbeiras (Convenio Ramsar, 2002) insta a aumentar o coñecemento sobre os recursos globais de turbeiras e a incrementar o financiamento para desenvolver os plans de conservación destes humidais.