Dende o Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño queren denunciar publicamente a pasividade absoluta e a incompetencia manifesta do goberno municipal, fronte ao grave problema que supón a instalación de novas liñas de alta tensión eléctrica polo noso concello. Subliñan que, “durante semanas, mentres se tramitaba este proxecto cun impacto ambiental, paisaxístico e social irreversíbel, o goberno local mantívose en silencio, sen informar á veciñanza nin tomar a iniciativa para presentar alegacións. A única resposta obtida foi a
do inmobilismo, a falta de interese e unha actitude totalmente submisa fronte ás empresas promotoras”.
Por elo, o BNG do Carballiño, “consciente do problema que se nos ven enriba, co apoio da veciñanza e das plataformas veciñais xurdidas, traballou na elaboración de alegacións póndoas a disposición dos interesados para asinalas. A veciñanza, organizada e mobilizada, esixiu explicacións e accións claras. Só entón, e con evidente desgana, o goberno municipal comezou a facer xestos que non esconden a súa desidia inicial, un claro exemplo é que no último pleno ofreceron asesoramento xurídico a partir do luns, co exiguo prazo de alegacións que quedaría a partir de entón. O chiste cóntase só”.
Asemade, para a formación nacionalista “resulta igualmente preocupante o comportamento de Espazo Común que en lugar de poñerse a carón da cidadanía dende o primeiro momento, agardaron a oportunidade mediática do pleno para sacar tallada política, rexistrando unha moción de urxencia horas antes do pleno, chea de erros e inexactitudes. O BNG xa presentou tamén alegacións nos concellos da contorna afectados polo proxecto, incluídos os das provincias de Pontevedra e Lugo, e ponas a dispor de toda a veciñanza dos Concellos da comarca afectados (Piñor, San Cristovo de Cea, Boborás e Beariz). As alegacións pódense descargar da nosa páxina de facebook e entregalas nos rexistros dos propios Concellos”.
Dende o BNG carballiñés desexan aproveitar a ocasión “para lembrarlle á cidadanía, que existen follas de alegacións contra este proxecto á súa disposición de xeito presencial nos locais da Librería Escolma (rúa Mosquera) e OZOCOgz (rúa Curros Enríquez), ámbalas dúas na vila do Carballiño”.