O Bañiño de Punxín xa é a primeira terma ao aire libre con acceso adaptado en España

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A área termal de O Bañiño de Punxín xa dispón dunha piscina adaptada para persoas con mobilidade reducida, a maiores das dúas pozas que xa estaban abertas ao público dende o pasado 21 de xuño. Esta paraxe natural que conta cunha surxencia de augas mineromedicinais acolleu na mañá de hoxe un acto protocolario de inauguración, que contou coa presenza, por parte da Xunta de Galicia, do director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, e o delegado territorial en Ourense, Manuel Pardo. Ademais, tamén asistiron o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor; o alcalde e o concelleiro de Obras de Punxín, Manuel Vázquez e Eladio Fernández, respectivamente, e outros rexedores de municipios das comarcas do Carballiño e O Ribeiro.

Pablo Fernández subliñou que o sector termal galego constitúe un auténtico revulsivo para a dinamización económica dos concellos galegos que contan con este tipo de recursos ademais dun incentivo para o turismo local. Segundo explicou, a área termal do Bañiño resultou beneficiaria das últimas convocatorias da Consellería de Economía e Industria destinadas a entidades locais para actuacións encamiñadas ao acondicionamento e mellora das instalacións dos espazos termais de uso lúdico de Galicia, con apoios que chegan ao 80% do importe das actuacións, que, no caso de Punxín, permitiron realizar actuacións por un importe próximo aos 300.000 euros.

Luis Menor quixo reivindicar no seu discurso o estreito marco de colaboración existente entre a Xunta de Galicia e a Deputación (a través do Inorde, no eido termal) e que se traduce no financiamento de infraestruturas, coma é o caso de O Bañiño de Punxín. Así, dentro do Plan de Sostibildade Ourense Termal, e cofinanciado por la Axencia de Turismo de Galicia y a Secretaría de Estado de Turismo, foi posible un investimento superior aos 36.700 euros para a construcción desa piscina adaptada para persoas con mobilidade reducida.

Pola súa banda, Manuel Vázquez, lembrou as xestións realizadas ao longo dos últimos anos para a apertura de O Bañiño e agradeceu o apoio económico de Xunta e Deputación, á vez que convidou ás autoridades a seguir apostando polo desenvolvemento do termalismo en Punxín.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------