As e os socialistas destacan que a situación está provocando “perdas severas” na produción de castaña e nas rendas das familias da montaña do rural, que aproveitan este recurso
Carmen R. Dacosta sostén que “o goberno galego debe actuar ante esta emerxencia fitosanitaria e ante a alarmante expansión do chancro do castiñeiro (Cryphonectria parasitica) na provincia de Ourense”
Sinala que a situación “é particularmente grave en Ourense, onde as persoas afectadas denuncian a ineficacia de moitas das intervencións realizadas nas últimas dúas décadas”
Ourense, 9 de xullo do 2025. O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a grave situación que padecen os castiñeiros na provincia por mor da persistencia e o avance do chancro, que está a provocar alarma social nas zonas produtoras. As e os socialistas destacan que a situación está provocando “perdas severas” na produción de castaña e nas rendas das familias da montaña do rural, que aproveitan este recurso, así como na biodiversidade do monte galego.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar unha batería de preguntas para a súa resposta oral na comisión de agricultura, alimentación, gandaría e montes. A parlamentaria socialista preguntaralle ao goberno galego se “pensa actuar ante a emerxencia fisiosanitaria que está provocando a expansión do chancro do castiñeiro, que ameza a un legado ecolóxico e cultural de tradición milenaria na provincia de Ourense”.
“O goberno galego debe actuar ante esta emerxencia fitosanitaria e ante a alarmante expansión do chancro do castiñeiro (Cryphonectria parasitica) na provincia de Ourense”, sostén Rodríguez Dacosta. A parlamentaria socialista pola provincia sinala que a situación “é particularmente grave en Ourense, onde as persoas afectadas denuncian a ineficacia de moitas das intervencións realizadas nas últimas dúas décadas”.
Dende o PSOE ourensán consideran que a falta dun diagnóstico actualizado sobre o funcionamento real das cepas hipovirulentas “impide deseñar estratexias eficaces de control, namentres a enfermidade continúa avanzando”. Asemade, tamén sinalan que “o abandono dos soutos, as malas prácticas silvícolas e o cambio climático aceleran a súa degradación”.
Ante esta situación a representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia presenta a seguinte batería de preguntas:
1. Pensa actuar o goberno galego ante a emerxencia fitosanitaria que está provocando a expansión do chancro do castiñeiro que ameaza a un legado ecolóxico e cultural de tradición milenaria, en particular na provincia de Ourense?
2. Que medidas concretas vai adoptar?
3. Pensa elaborar un censo de masas forestais afectadas por comarcas?
4. Vai o Goberno galego a actualizar e reforzar o programa de control biolóxico do chancro do castiñeiro, incorporando os resultados do diagnóstico e as recomendacións científicas máis recentes, incluídas as da Estación Fitopatolóxica do Areeiro e outros centros de investigación especializados?
5. Ten previsto o Goberno galego elaborar un plan estratéxico específico para a provincia de Ourense?
6. E poñer en marcha campañas de divulgación e formación dirixidas a produtores, gandeiros, apicultores e propietarios forestais, para fomentar a detección temperá, o manexo axeitado das árbores afectadas e as boas prácticas silvícolas que contribúan á resiliencia do castiñeiro fronte a enfermidades e pragas?