No aniversario do 19 congreso provincial extraordinario, no que foi elixido presidente dos populares ourensáns co 93,74 % de apoio
- Este labor, engadiu o presidente provincial, ten como obxectivo básico e fundamental “ter o partido preparado, organizado e unido para responder en calquera momento a calquera convocatoria electoral”
- Insiste en que de cara ás municipais de 2027 o reto é “superar as 55 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación para desenvolver o noso programa político con total liberdade e ser decisivos co apoio electoral da cidade para conseguir de novo a alcaldía do Concello de Ourense.”
- A reorganización do partido tamén serviu para incorporar a máis persoas ao proxecto do PP: máis de 300 novas afiliacións “ampliando a base da militancia tal e como me comprometín no congreso provincial”.
- Cara o inicio do novo curso político, anunciou Menor, “temos previsto convocar cinco congresos máis e iniciar o proceso de constitución doutras tres xestoras”, ademais doutros tres encontros coa mocidade pola provincia
13, xullo, 2025. O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, destacou hoxe que a celebración de “dezasete congresos locais, a constitución de cinco xestoras e a mobilización de máis de 350 persoas en encontros coa mocidade por toda a provincia” permitiron trasladar ao Partido Popular de Ourense “a estabilidade que lle outorgou o congreso de 2024”. Luis Menor valora así os doce meses “de intensísimo traballo” realizado desde o 13 de xullo do pasado ano, cando resultou elixido presidente dos populares ourensáns no 19 congreso provincial extraordinario, co 93.74 % de apoio.
Este labor, engadiu Menor, ten como obxectivo básico e fundamental “ter o partido preparado, organizado e unido para responder en calquera momento a calquera convocatoria electoral”, ademais de insistir en que de cara ás municipais de 2027 o reto é “superar as 55 alcaldías actuais, recuperar a maioría absoluta na Deputación para desenvolver o noso programa político con total liberdade e ser decisivos co apoio electoral da cidade para conseguir de novo a alcaldía do Concello de Ourense.”
Lembrou o presidente provincial que trala posta en marcha desta nova etapa do PPdeOU, coa constitución de 13 vicesecretarías, 9 comités e 14 áreas de traballo, “despregamos unha intensa axenda de actividade que incluíu varias voltas por toda a provincia”.
DESAFÍO EN 2025: CONSOLIDACIÓN DAS AGRUPACIÓNS LOCAIS
Nese labor de reorganización do partido, explicou Luis Menor, “o principal desafío que nos marcamos para este 2025 foi a consolidación das agrupacións locais da provincia”, afrontando así un amplo calendario congresual que ata hoxe supuxo a celebración de 17 conclaves desde o mes febreiro: O Barco de Valdeorras; Toén; Maside; A Bola; Cenlle; Os Blancos; Bande; San Xoán de Río; Vilariño de Conso; Monterrei; Sarreaus; Piñor; San Amaro; A Rúa; Baños de Molgas; Leiro; e o pasado xoves Cualedro,
Neste tempo, subliñou tamén, aprobáronse cinco xestoras: Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz e Ourense, “como resposta orgánica do partido fronte a situacións de transición e cunha finalidade ben definida: ser nexo de unión do partido e garantir a actividade da agrupación ata a celebración dun congreso”.
Cara o inicio do novo curso político, anunciou Menor, “temos previsto convocar cinco congresos máis e iniciar o proceso de constitución doutras tres xestoras”
Este traballo completouse ademais coa mobilización de máis de 350 persoas en seis encontros comarcais organizados por Novas Xeracións para animar á mocidade a participar no proxecto popular, estando pendentes de celebrar outras tres convocatorias na Limia, Verín e Valdeorras.
A reorganización e consolidación do partido, enfatizou o presidente provincial, “tamén serve para incorporar a máis persoas ao proxecto do PP”. Así, neste ano de mandato da nova dirección provincial afiliáronse ao PP de Ourense máis de 300 persoas, “ampliando a base da militancia tal e como me comprometín no congreso provincial”.
IMAXE DE MOBILIZACIÓN E RECOÑECEMENTO NACIONAL
Toda esta actividade, asegurou Luis Menor, “transmite unha imaxe de mobilización que non é quen de ofrecer ningunha outra formación política en Ourense”, pedindo que se manteña a intensidade cara esta segunda parte do ano “para seguir trasladando a confianza que hoxe demanda a sociedade fronte ao colapso do Estado que vivimos por culpa de Sánchez e os seus socios”.
Para o presidente, o reto está en conseguir que provincia de Ourense “sexa a primeira en apoio electoral en calquera convocatoria, o que daranos forza e recoñecemento en Santiago e Madrid”. Os bos resultados das autonómicas do pasado ano e o éxito a nivel nacional das europeas “así o corroboran”, afirmou, coa súa entrada no Comité Executivo Nacional e de Marta Novoa na Xunta Directiva Nacional.