A Xunta promove novos traballos de consolidación no Castro de Cameixa

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Boborás para, da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, supervisar o comezo dos novos traballos de consolidación e acondicionamento no Castro de Cameixa, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización. Manuel Pardo explicou que, cun orzamento de 17.194€, estas tarefas veñen dar continuidade ás campañas anteriores, realizadas desde 2018, para favorecer a posta en valor deste sitio histórico de obrigada referencia na bibliografía especializada porque permitiu reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Así, con esta nova actuación, o Goberno galego leva investido ata o momento no xacemento máis de 90.000 euros.

Os labores, dirixidas polo arqueólogo Jorge Lamas e cun período estimado de 15 días, concéntranse en limpezas e roza de vexetación da contorna, na diagnose do estado de conservación e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fará un levantamento topográfico en tres dimensións da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.

O Castro de Cameixa sitúase na parroquia de San Martiño de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica e que aportou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa.

Este xacemento arqueolóxico presenta dous recintos amurallados e incluso outro antecastro máis exterior, aínda que sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século XX por F. López Cuevillas e X. Lorenzo Fernández, deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha de planta cadrada que posteriormente foron tapadas. Froito destas escavacións se exhumaron toda unha serie de restos cerámicos, pétreos, orgánicos e metálicos que abranguen unha cronoloxía desde o século VI a.C. ata os séculos I-II d.C.

Desde o ano 2018 a Xunta de Galicia e o Concello de Boborás están a levar a cabo campañas arqueolóxicas anuais de escavación e consolidación das estruturas arqueolóxicas localizadas nos anos corenta do século pasado e tamén ampliando a escavación a zonas non escavadas de antigo, coa finalidade de definir e comprobar datos estratigráficos e facer estudos dos materiais arqueolóxicos para así seguir avanzando na investigación deste xacemento e tamén na súa posta en valor.

O máis destacado destas campañas é a exhumación dun tramo da muralla do castro, dunha anchura duns 3 metros e unha altura conservada duns 80 cm feita a base de cachotería de granito. Tamén se localizaron varias vivendas circulares con fogar de distintas épocas e as estruturas cuadrangulares que forman parte dun interesante complexo metalúrxico máis tardío. Dos materiais arqueolóxicos localizados a destacar a complexa e variada cerámica con distintos motivos decorativos, metais entre os que destacan fíbulas, cadeas e placas decoradas, e ata contas de colar de pasta vítrea.

A nivel de protección, o Castro de Cameixa ten a consideración de ben catalogado do patrimonio cultural de Galicia. Tendo en conta os valores culturais que posúe o Castro de Cameixa, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural considerou necesario continuar neste ano 2025 cos traballos arqueolóxicos de investigación e rexistro deste xacemento arqueolóxico, ademais de realizar labores de consolidación, restauración e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas exhumadas de cara a súa conservación e posta en valor.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------