A céntrica praza de San Xusto voltará un ano máis, e xa son 19, a ser sede, o vindeiro 8 de agosto, da “Festa Mexicana de Avión”, o evento no que se rende homenaxe á cultura do país que acolleu ás veciñas e veciños do municipio. A presentación do festexo tivo lugar esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, coa presenza do alcalde de Avión, Antonio Montero, e da responsable da organización, Isabel Gabián, e do deputado provincial Rosendo Fernández.
O responsable de Relacións Institucionais da Deputación subliñou que a festa “é un recoñecemento a todos eses emigrantes que tanto fixeron por Galicia, por Ourense e por Avión en particular e que retornan ás súas orixes neste reencontro”. No mesmo sentido, Dolores Gabían apuntou que “É unha festa de agradecemento aos nosos emigrantes, que tanto teñen aportado, e, tamén ás novas xeracións de galego-mexicanos que sempre retornamos ao noso recuncho”.
O programa de actividades iniciarase ás 17,00 horas do venres día 8 coa apertura dos cinco restaurantes especializados en comida mexicana que estarán presentes: Sol Maya (Vigo), Mesón Mexicano (Ponte Caldelas), Rincón Azteca (O Carballiño), Pico de Galo (Compostela) e Catering Itacati (Cerdedo-Cotobade), “de xeito que cada un deles ofertará un prato único diferente á dos outros, ademais dun ampla variedade de postres típicos mexicanos”, indicou a organizadora.
Dende as 18,00 horas tamén haberá xogos para a cativada, e, a partir das 20,00 horas, nenas e nenos desfrutarán das típicas piñatas, que foron elaborados polos residentes no Centro Integral de Servizos Sociais Alvetus de Avión. Ademais, non podían faltar os tradicionais corridos mexicanos a cargo de dúas agrupacións de mariachis.
O alcalde, Antonio Montero, incidíu na diversidade de produtos que se poden degustar nos restaurentes, e aproveitou para convidar a asistir á festa e que os participantes nela “teñan a oportunidade de desfrutar e coñecer o patrimonio cultural, etnográfico e paisaxístico que posuimos en Avión”.