Ibuprofeno Teatro conquista o Premio do Público da MIT coa súa montaxe “Reconversión”

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia pechou a súa última edición cun recoñecemento que fala alto e claro: o Premio do Público 2025 é para “Reconversión”, da compañía galega Ibuprofeno Teatro. A obra, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, foi a escollida pola audiencia como a máis destacada desta edición, consolidando así a súa fonda conexión co espectador.

“Reconversión” é unha proposta de gran formato con oito actores-músicos que, convertidos nunha charanga, interpretan en directo a banda sonora dun espectáculo que mestura o íntimo co político. A historia reconstrúe a memoria histórica da reconversión industrial na Ría de Vigo a través dunha figura central: o pai do autor, que traballou durante tres décadas no estaleiro Ascón e viviu en primeira persoa o peche da factoría en 1984 e as intensas mobilizacións dos anos 70 e 80.

A obra propón unha viaxe emocional e colectiva dende a posguerra ata o “felipismo” dos anos 80, pasando polo auxe da industria naval e a transición dunha sociedade rural a un modelo capitalista. Un retrato xeracional que, lonxe de quedarse no pasado, interpela o presente con humor, música e emoción. Na segunda posición do voto do público quedou “Ovvio”, de Kolektiv Lapso Cirk. O terceiro posto foi para “Grandissima Illusione”, de Cris Blanco.

O Premio do Público da MIT, instaurado no ano 2000, busca recoñecer aquelas propostas que máis conmoven e conectan coas persoas espectadoras, facendo partícipe activamente ao público na construción do palmarés do festival. Na pasada edición, este recoñecemento recaera en “Iribarne”, sátira política da tamén galega ButacaZero. Esta edición, de novo, o premio foi para unha compañía galega, o que reafirma o bo momento e a potencia creativa do teatro feito en Galicia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------