Nun comunicado de prensa, a Agrupación Local do PSdeG-PSOE do Carballiño subliña que “queremos manifestar o noso firme apoio e solidariedade coa poboación inmigrante que vive no noso municipio. Segundo os últimos datos oficiais, case un 20 % da poboación de O Carballiño é de orixe estranxeira, formando parte activa da nosa sociedade, contribuíndo co seu traballo, cultura e esforzo ao desenvolvemento económico e social da nosa vila”.
As e os socialistas carballiñeses engaden que “Moitas destas persoas chegaron buscando un futuro mellor para elas e as súas familias, nunha terra que coñece ben o significado da emigración. Non hai que ir moi lonxe para lembrar que tamén os nosos avós e avoas tiveron que marchar a América, a Europa ou a outras partes de España, na procura dun traballo digno e dunha vida máis xusta. Esa memoria colectiva debera facernos máis xenerosos, máis comprensivos e máis humanos”.
Dende o PSdeG-PSOE do Carballiño lembran que “Hai apenas uns días celebrouse unha merecida homenaxe ao Centro Galego de México, símbolo da solidariedade e da acollida que ese país ofreceu a milleiros de galegos e galegas que fuxían da guerra, da represión e da miseria tras a Guerra Civil. É xusto lembrar que tamén nós fomos acollidos noutras terras cando o necesitamos. Ese espírito de acollida é o que hoxe reivindicamos para O Carballiño”.
Tamén apuntan que “No Carballiño somos xente cunha diversidade cultural que nos define como sociedade. Somos un pobo acolledor, con xente tolerante e respectuosa con outras culturas, tradicións e modos de vida. Cremos firmemente que a diversidade cultural enriquece, fortalece os lazos comunitarios e fai medrar en valores o noso municipio. Nos últimos tempos, asistimos con preocupación ao incremento dos discursos de odio e mesmo de delitos motivados por razóns raciais ou étnicas, alentados por determinadas formacións políticas que sementan medo, división e intolerancia. Trátase dunha deriva perigosa, que destrúe a convivencia e erosiona os valores democráticos”.
Dende o PSdeG-PSOE do Carballiño piden que cese esta antipolítica, baseada no enfrontamento, na mentira e na criminalización do diferente. “O Carballiño sempre foi unha terra aberta, solidaria e diversa. E queremos seguir sendo un lugar onde todos e todas, con independencia da súa procedencia, teñan dereito a vivir con dignidade, a traballar, a educar os seus fillos e a construír un proxecto de vida en paz. Reafirmamos así o noso compromiso coa integración, o respecto e os dereitos das persoas migrantes. Rexeitamos calquera forma de racismo, xenofobia ou exclusión social, e facemos un chamamento á responsabilidade política e cidadá para defender a igualdade, a dignidade e a convivencia fronte aos que pretenden fracturar a nosa sociedade”, manifestan.
“Nun momento no que algúns queren dividir, nós apostamos por unir. Porque en O Carballiño non sobra ninguén. Porque a diversidade é riqueza. E porque, como sociedade, só avanzaremos se o facemos xuntos”, conclúen.