- O Partido Popular, defensor do proxecto mineiro de Touro, accederá á alcaldía do municipio por mor da moción de censura presentada canda o concelleiro non adscrito Darío Rey
- No SLG, como xa o fixemos dende hai oito anos, imos situarnos ao carón da veciñanza de Touro e amosamos a nosa total oposición a calquera tentativa vinculada coa reapertura da mina
[Anexamos audio con declaracións de Margarida Prieto Ledo, responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-CCLL]
Touro,30 de xullo de 2025. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas levamos anos xa ao carón da veciñanza de Touro, apoiando á Plataforma contra a Mina de Touro-O Pino e loitando, de cheo, contra a reapertura da mina que a empresa Cobre San Rafael pretende reabrir no Concello de Touro (A Coruña). E agora, en 2025, volvemos alzar a voz na defensa da nosa terra. Estes días soubemos que o Partido Popular, defensor do proxecto mineiro de Touro, accederá á alcaldía do municipio co popular Jesús Reboredo, grazas á moción de censura presentada xunto ao concelleiro non adscrito Darío Rey.
En palabras de Margarida Prieto Ledo, responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras no SLG-CCLL: “Resulta sorprendente e custa crer que este acordo se leve adiante coñecendo o pasado destas persoas e dos tramados de corruptela que ten o PP nestes temas”, denuncia. Por isto, “dende a nosa organización, solicitamos que se investigue de oficio a relación da empresa Cobre San Rafael coa moción de censura en Touro para saber o que realmente se agocha detrás desta e da posíbel eliminación do apoio e da colaboración que nestes últimos tempos se estaba dando á veciñanza por parte do actual goberno municipal”, engade.
O proxecto de reapertura da mina de Touro foi denegado en 2020 polas graves afeccións aos recursos hídricos, eses que para a autoridade mineira contan só para o servizo da mercantil, e non da poboación. Dende o Sindicato Labrego Galego, como xa o fixemos dende hai oito anos, imos situarnos ao carón da veciñanza de Touro e amosamos a nosa total oposición a calquera tentativa vinculada coa reapertura da mina. “Non vemos que o PP amose unha postura clara contra a mina, non se trata só de acceder á alcaldía, senón que debe facer un pronunciamento público explicando as razóns que o levan a situarse contra o proxecto mineiro”, sentencia Prieto Ledo.