Ribadavia celebra as festas na honra da Virxe do Portal cunha ampla programación do 5 ao 9 de setembro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia presenta a programación das Festas do Portal 2026, as festas patronais da vila, que se celebrarán do 5 ao 9 de setembro cunha ampla variedade de actividades culturais, musicais, tradicionais e relixiosas. Como antesala á programación festiva, o venres 4 de setembro, ás 22.30 horas, terá lugar a proxección da película “Rondallas” no Parque da Veronza.

A concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, destaca que “as Festas do Portal son unha das celebracións máis especiais do calendario de Ribadavia, uns días para compartir a vila, manter vivas as nosas tradicións e gozar dunha programación pensada para públicos diversos”. A edil convida “á veciñanza e a todas as persoas que nos visiten a participar das festas e a vivir Ribadavia nas súas rúas e prazas”.

Sábado, 5 de setembro

A programación comezará ás 10.00 horas coa X Quedada de Motos Clásicas O Ribeiro, na Praza Maior.

Entre as 11.00 e as 12.30 horas desenvolverase o obradoiro interxeracional «Coas mans no pasado: a cerámica e os tecidos», no patio interior do Museo Etnolóxico de Ribadavia, dentro da programación do Festival Arteficial.

De 12.00 a 20.00 horas celebrarase o Mercado das Sementes, con variadas propostas artesanais e artísticas.

Ás 12.30 horas, os xigantes, cabezudos e cabezudiños, acompañados polas Gaitas Airiños da Arnoia, percorrerán o itinerario desde a igrexa de San Antón ata a Praza da Madalena.

A programación de Arteficial continuará entre as 13.00 e as 13.30 horas con DJ Grima, no interior da igrexa da Madalena, e entre as 13.30 e as 14.25 horas con Peitoescuro, no escenario interior da igrexa da Madalena.

De 14.30 a 15.30 horas actuarán BalConde Djs no escenario BalConde; de 15.30 a 16.30 horas será a quenda de AO, no escenario exterior da Praza Buxán, e de 16.30 a 17.30 horas regresarán BalConde Djs ao escenario BalConde.

Entre as 17.00 e as 18.30 horas terá lugar unha nova actividade interxeracional «Coas mans no pasado: a cerámica e os tecidos», no patio interior do Museo Etnolóxico de Ribadavia.

De 17.30 a 18.25 horas actuará La Rate Timide, no exterior da Praza Buxán; de 18.30 a 19.30 horas, DJ Ferromona, en BalConde; de 19.30 a 20.20 horas, Basic Partner, no exterior da Praza Buxán; e de 20.20 a 21.30 horas, novamente DJ Ferromona, no escenario BalConde.

De 21.30 a 22.30 horas actuará Scúru Fitchadú no exterior da Praza Buxán.

Ás 22.30 horas comezará a actuación da Orquestra Los Españoles, na Rúa Redondela.

A programación de Arteficial proseguirá de 23.00 a 00.00 horas con DJ Sapoconcho Sen Poncho; de 00.00 a 01.30 horas con Sanlamuerte Cumbia Club, na Madalena; e de 01.30 a 02.30 horas, novamente con DJ Sapoconcho Sen Poncho, tamén na Madalena.

Domingo, 6 de setembro

O domingo comezará ás 11.00 horas coa actuación de Bardo Abelardo, na Praza de San Xoán.

Ás 12.30 horas, os xigantes, cabezudos e cabezudiños, acompañados polos Gaiteiros de Castrodeallo, realizarán un percorrido desde a Praza Maior ata o Asilo Nosa Señora dos Anxos.

Ás 13.00 horas será a quenda de DJ TIBU, na Praza Maior.

Xa pola tarde, ás 19.00 horas, celebrarase o Festival de Bandas, coa participación de A Lira de Ribadavia e A Lira de Luarca, no Auditorio Rubén García do Castelo.

Ás 20.30 horas, Tabaleiros da Istoria protagonizará un pasarrúas pola Rúa Progreso.

Luns, 7 de setembro

Ás 19.00 horas terá lugar a confección da Alfombra Floral polas Mulleres Rurais de Ribadavia, en ofrenda a Carballeda de Avia, na Rúa Progreso, diante do Castelo.

Ás 20.00 horas, a charanga Bandiños Band realizará un percorrido desde a avenida de Castelao ata a Praza Maior.

Ás 22.30 horas actuará a Orquestra Olympus no Patio do Instituto e, ás 01.00 horas, haberá Disco Móbil MVP na Rúa Progreso.

Martes, 8 de setembro

O día central das celebracións comezará ás 10.00 horas coa recepción de autoridades na Casa do Concello, que a continuación desprazaranse ata a igrexa parroquial de San Domingos acompañados pola banda de música A Lira.

Ás 10.30 horas terá lugar a procesión da Nosa Señora do Portal coa agrupación musical ribadaviense, e ás 12.00 horas celebrarase a misa solemne na honra da Nosa Señora do Portal, A Patroa do Ribeiro, cantada pola Coral do Club Artístico, e que será oficiada polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos. Un representante do Concello de Carballeda de Avia será o encargado de dar lectura da ofrenda do Ribeiro á Virxe do Portal.

Ás 13.30 horas, os xigantes, cabezudos e cabezudiños, acompañados pola Charanga de Castro de Bello, sairán desde a Praza Maior.

A programación continuará ás 18.00 horas co espectáculo de Henriko #Todotrucazos Circo, no Parque dos Xardinillos.

Ás 20.30 horas actuará o grupo DR SLUMP, na Rúa Progreso.

A xornada concluirá ás 23.00 horas coa Gran Tirada de Fogos de Artificio, a cargo da Pirotecnia Josman, en San Francisco.

Mércores, 9 de setembro

O mércores 9, último día das festas, celebrarase na igrexa de San Domingos ás 18.30 horas a misa cantada polo coro parroquial, e ao remate a Banda Filarmónica de Amares (Portugal) acompañará á Nosa Señora Virxe do Portal no seu regreso á súa capela.

Ás 20.00 horas, a Banda Filarmónica de Amares ofrecerá un concerto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------