O manifesto da plataforma ‘Dereito ao Tren’ lido diante de máis de 7.000 persoas convértese en declaración institucional

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025

A plataforma cidadá Dereito ao Tren celebra hoxe un feito histórico na súa loita pola conectividade do Oriente ourensán: o Parlamento de Galicia vén de aprobar por unanimidade un manifesto institucional que asume como propio o texto presentado pola plataforma na multitudinaria manifestación do pasado 2 de agosto en A Gudiña.

O que comezou como un clamor veciñal feito palabra —e leido hai apenas dous días polo presidente da plataforma, Rubén Riós, diante de máis de 7.000 persoas— chega agora á sede da soberanía galega transformado en compromiso político, recollendo as demandas urxentes do rural galego en materia de mobilidade, saúde, desenvolvemento social e económico, dereitos e futuro.

“Non é aínda a restitución das paradas que Renfe nos recortou, pero é un paso institucional xigante. Un primeiro vagón cargado de dignidade, que nos impulsa a seguir camiñando con máis forza ca nunca”, declarou Riós, visiblemente emocionado tras a sinatura do acordo.

Este manifesto institucional recoñece o impacto dos recortes ferroviarios nas comarcas afectadas e comprométese a mobilizar activamente á poboación para restituír un servizo de tren útil, xusto e adaptado ás necesidades do rural. O documento poderá consultarse nas vindeiras horas a través das redes sociais da plataforma e na paxína WEB do parlamento.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------