O delegado territorial analiza co alcalde de Amoeiro o comezo das obras do centro de saúde

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ata o concello de Amoeiro para reunirse co seu alcalde, José Luís  González, onde trataron, entre outros temas, o  comezo das obras do Centro de Saúde que consistirán na rehabilitación da súa cuberta, e ás que se destinará un orzamento de case 15.000 euros que será financiado a partes iguais pola Xunta e polos Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal.

Gabriel Alén puxo en valor estes investimentos para mellorar a calidade asistencial dos centros de saúde e para facilitar os seus usos por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para proporcionar aos veciños destes concellos unha atención primaria máis próxima, máis moderna e mellor adaptada ás súas necesidades.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta de Galicia xa construíu ou renovou un total de 88 centros de saúde dende o ano 2009, o que supuxo actuar sobre case 70.000 m2 cun investimento de máis de 115 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria. Ademais, os vixentes Orzamentos da Xunta para 2021, os primeiros da lexislatura, duplican os investimentos en atención primaria ata os 55 millóns de euros.

O delegado tamén tivo a ocasión de tratar xunto ao seu rexedor outros temas prioritarios para o seu concello como a concesión por parte da Consellería do Medio Rural de 34.234 euros dentro das axudas do Plan de mellora de camiños municipais e de acceso a parcela agrícolas, ou a mellora de abastecemento, saneamento e depuración na rúa Campo do Souto, na que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, investiu preto de 32.000 euros, dentro dos plans de emerxencia fronte á seca.