ABANCA, Afundación e o Concello de Ribadavia asinan un convenio de colaboración cultural

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia, ABANCA e Afundación formalizaron esta mañá un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades levarán a cabo a exposición de rúa «Rostros nas coleccións de ABANCA e Afundación». Ao acto de rúbrica asistiron o alcalde do Concello de Ribadavia, César Manuel Fernández; o coordinador institucional de ABANCA en Ourense, Mateo Alonso San Román; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano. A mostra poderase visitar do 19 de agosto ao 14 de setembro na rúa Progreso de Ribadavia.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Considérase retrato a imaxe dunha persoa reproducida en pintura, escultura, debuxo ou fotografía que describe a aparencia e o carácter do individuo representado. Ao longo da historia da arte, o retrato foi un dos xéneros de maior prestixio, cuxo interese radica en que non só se trata dunha representación figurativa, senón que tamén nos fala das diferentes épocas históricas, os seus códigos e os seus sinais de identidade. Hoxe en día, as imaxes de rostros enchen as nosas pantallas, desde as redes sociais ata as campañas publicitarias, e reflicten a nosa sociedade globalizada e conectada. As autofotos da era dixital democratizan a arte do autorretrato xogando un importante papel na construción de identidades persoais e colectivas.

Esta mostra invita a explorar as diferentes e fascinantes interpretacións que os artistas realizaron (e realizan) deste xénero, a mergullarnos nas lembranzas das xentes que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que foron introducindo desde finais do século XIX ata os nosos días, ao compás dos movementos artísticos que se van sucedendo.

Unha selección de obras nacidas en Galicia permítennos descubrir a utilización do retrato como ferramenta de comunicación para transmitir sensacións, emocións, denuncias ou mensaxes que chegan a nós a través dos rostros da coleccións de arte ABANCA e Afundación, e que, sobre todo, capturan a esencia da humanidade para conectar as persoas a través do tempo e do espazo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------