Os opositores á mina de Doade programan para mañá un vermú solidario na feira e un roteiro o domingo

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A veciñanza de Doade e doutras tantas aldeas afectadas reuníuse de novo o pasado 2 de agosto na Casa do Pobo de Doade, en Beariz, para asistir a unha charla virtual do Dr. Steven Emerman, recoñecido xeofísico estadounidense e experto internacional en impactos ambientais da minería. Emerman, que visitou Doade o pasado mes de outubro, alertou dos defectos técnicos e contradiccións do proxecto actual, despois de estudar toda a documentación. Engadiu tamén exemplos de proxectos mineiros que fracasaron e tiveron graves consecuencias ambientais e sociais debido a erros similares aos que presenta o proxecto Mina Doade. “Esta empresa nunca tivo que demostrar viabilidade técnica a posibles inversores. A promotora Recursos Minerales de Galicia é una filial 100 % propiedade do Grupo Samca, propiedade privada da familia Luengo, unha das familias máis ricas de España”, subliñan dende a plataforma SOS Suído Seixo.

Dende esta agrupación apuntan que “O proxecto Mina Doade aínda non está aprobado e atópase actualmente en fase de información pública ata o 2 de setembro de 2025. Este é un momento chave no que calquera persoa ou veciñanza, galegos e galegas, cidadáns de calquera lugar pode presentar alegacións nos rexistros públicos, expresando o seu desacordo ou preocupacións respecto ao proxecto. Chamamos á cidadanía a participar activamente no proceso de alegacións, destacando que é unha oportunidade para deter un proxecto con posibles impactos irreversibles no medio ambiente, na saúde e na economía local, que podería afectar tamén ao río Miño e ás rías de Vigo e Pontevedra”.

A videoconferencia de Emerman, forma parte dun ciclo de encontros informativos promovidos pola plataforma veciñal contraria ao proxecto mineiro. Así, mañá, 9 de agosto, e coincidindo coa celebración da famosa feira de Doade (datada do século XII), a plataforma organizaa un vermú solidario de recollidas de sinaturas, onde os veciños ademais de preparar postres caseiros amenizarán a tardiña cunha ruada e música tradicional de Xirarga.

Xa para o domingo, día 10, está previsto un roteiro polo monte de Doade para dar a coñecer a diversidade de fauna e flora e o patrimonio existente onde queren facer a mina. Tanto SOS Suido-Seixo como a Alarma na Terra de Montes, seguirán recollendo alegacións ao longo do mes en todas as festas, despois de Doade, o 16 de agosto na Festa das Fontes en Castro.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------