Manifesto dos pobos pola lonxevidade
Este venres 8 de agosto participamos na Igrexa de San Xoán de Río no I Festival da lonxevidade. A proposta vai da posta en marcha dun plan de turismo xenerativo baseado na lonxevidade; da creación dunha rede internacional de pobos lonxevos; de cambiar a narrativa: o envellecemento como oportunidade.
Nunha Europa envellecida ofrecermos o espello do que será en poucos anos o 80% do territorio (o rural). Porque en S. Xoán de Río dixeron que a media de idade é de 63 anos. E o alcalde está pola proactividade. Ordinariamente actúase desde a reactividade.
Unha manchea de poñentes apuntalaron este empeño e mostraron experiencias que testemuñan que o necesario é posible. O aval científico da Academia (UVigo- Campus de Ourense), da Sanidade (Proxecto RENACE, Ourensividade), a necesaria perspectiva de xénero; a estratexia silver economy ou economía plateada… Territorios como a veciña Zamora, Zaragoza, Cáceres exemplificaron unha revolución silenciosa: a lonxevidade en cifras.
E asinamos o Manifesto dos pobos pola Lonxevidade
MANIFESTO DOS POBOS POLA LONXEVIDADE
Quen representamos os territorios rurais que resisten ó esquecemento e defenden a vida con serenidade, vínculos profundos e sentido, congregámonos ó redor dunha visión compartida: a lonxevidade como oportunidade transformadora para a sociedade. Fronte á narrativa dominante de despoboamento e decadencia, alzamos unha voz colectiva, firme e esperanzadora que diga: os pobos non están a desaparecer; están a esperar ser recoñecidos desde unha nova mirada, máis xusta e consciente.
REDE INTERNACIONAL DE POBOS POLA LONXEVIDADE.
A Rede Internacional de Pobos pola Lonxevidade xorde co propósito de identificar, compartir, visibilizar e fortalecer aqueles territorios nos que as persoas alcanzan unha maior esperanza de vida, grazas a unha forma de vivir que cultiva a saúde, o arraigamento e a harmonía baseándose
– nunha alimentación vinculada ó local e á terra,
– nunha vida activa en contacto coa natureza,
– nun forte arraigamento emocional e sentido comunitario,
– en relacións interxeracionais auténticas e significativas,
– nun equilibrio profundo entre corpo, comunidade e contorna.
Estes pobos non son unha excepción nin un vestixio do pasado: son laboratorios vivos de sustentabilidade, benestar e resiliencia. Lugares onde non só súmanse anos á vida, senón tamén vida ós anos. A lonxevidade que florece neles non é un milagre, senón a consecuencia natural dun modo de vivir. Chegou o momento de miralos co recoñecemento que verdadeiramente merecen.
QUE NOS UNE?
Únenos unha maneira de estar no mundo: Vivir con acougo. Vivir xuntos. Vivir con propósito. Únenos a firme convicción de que os nosos pobos gardan respostas valiosas para o futuro de Europa: como coidar, como acompañar o paso do tempo, como converter a experiencia vital nun activo para a comunidade.
QUE QUEREMOS?
Queremos construír unha rede viva de pobos pola lonxevidade, que:
– Recoñecen o valor do envellecemento activo e saudable.
– Fomentan a saúde comunitaria e os hábitos de vida saudables.
– Revalorizan o patrimonio humano, natural e cultural desde a súa raíz rural.
– Acollen a visitantes e novos poboadores e poboadoras, con xenerosidade e autenticidade.
A QUE NOS COMPROMETEMOS?
Comprometémonos cun modelo de desenvolvemento rural que sexa sostible, participativo e xenerativo. Os pobos que asinan este manifesto comprométense a:
– Defender, poñer en valor e visibilizar as súas formas de vida saudables, como legado e como horizonte.
– Compartir aprendizaxes e boas prácticas, fomentando o intercambio entre comunidades.
– Participar activamente en iniciativas comúns, como o Festival Anual dos Pobos pola Lonxevidade.
– Reivindicar con orgullo a súa identidade rural, interxeracional e xenerativa.
Desde San Xoán de Río, onde esta iniciativa toma raíz, lanzamos unha invitación aberta a todos os pobos que coidan a vida e confían no futuro do rural: unámonos!
Porque a lonxevidade non é só unha cifra demográfica; é unha cultura que merece ser celebrada. E porque, xuntos, podemos demostrar que os pobos lonxevos son tamén pobos con futuro.