O ’17º Festival de Títeres’ reúne dende hoxe martes no Carballiño ás mellores compañías de monicreques de Galicia

O Concello do Carballiño organiza esta semana o Festival de Títeres, unha proposta dirixida a público familiar e orientada a achegar aos máis pequenos ao teatro e á cultura galega. O ciclo, que alcanza este ano a súa 17º edición, comeza mañá, martes, 12 de agosto, e esténdese ata o venres, día 15. O Parque Municipal acollerá ás mellores compañías de monicreques de Galicia: AsSircópatas, Trécola Producións, Cía Xogos Paporrubio e Nómadas.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, salienta o alto nivel da programación: “Todas as obras escollidas teñen unha calidade extraordinaria”. Nese sentido, pon en valor o Festival de Títeres do Carballiño, que cada ano reúne a centos de familias de toda a comarca cada xornada: “Vémonos na entrada do Parque Municipal para desfrutar do teatro e da cultura galega”.

A programación comeza ás 19,00 horas cada día, e inclúe a representación e un obradoiro dirixido polas compañías participantes. As obras levaranse a cabo na explanada do Parque Municipal, pero en caso de choiva trasladaranse ao Auditorio Manuel María.

Programación variada

O Festival arranca co espectáculo “As almofadas soñadoras” de AsSircópatas, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos de idade. A obra reflexiona sobre o poder dos soños e a liberdade a partir da historia do malvado rei Amarradismundo.

O mércores será a quenda de Trécola Producións, que interpretará o espectáculo “As aventuras de Pituquiño”, dirixido a nenos e nenas a partir de 2 anos. O protagonista, Pituquiño, é un rapaciño novo que vai coñecendo o mundo dos adultos, coas súas incongruencias e dificultades.

O xoves, o público poderá desfrutar de “Varietés do animalario”, de Cía Xogos Paporrubio, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. Nun contexto humorístico, unha raposa e un lovo vense envoltos nun conflicto pola propiedade dunha pereira de sete peras.

O festival rematará coa actuación da compañía Nómadas, que presentará o seu espectáculo “Sin Destino”. A representación desta obra conta coa colaboración da Escola Galega de Clown. A obra está protagonizada por Brúxula, un pallaso sen rumbo nin destino que debe abandonar o seu fogar e emprender un novo camiño cheo de incertezas e aventuras.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------