O incendio na parroquia de Nieva, en Avión, xa supera as 70 hectáreas de superficie calcinada

O lume declarado na tarde de onte en montes da parroquia de Santa María de Nieva, no concello de Avión, mantense activo esta mañá, afectando xa a unha superficie superior ás 70 hectáreas. Na extinción deste incendio, cuxo inicio foi rexistrado ás 17,09 horas de onte, mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, un técnico, seis axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, catro pas, cinco helicópteros e cinco avións. Efectivos do Grupos de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Avión atópanse desprazados na contorna dos pobos de A Mota e Camposancos para previr calquera tipo de extensión do lume.

Na actualidade, mantense estabilizado, dende este pasado xoves, día 21, o lume iniciado na tarde do 15 de agosto na parroquia de Vilar de Condes, no municipio de Carballeda de Avia, que se unira a outro declarado o mesmo día na parroquia de As Regadas, no concello de Beade, e que logo afectaría tamén a montes dos municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia, sumando preto das 5.000 hectáreas. Na súa extinción foi mobilizado un conxunto de catro técnicos, 107 axentes, 185 brigadas, 104 motobombas, catro pas, dúas unidades técnicas de apoio, 10 helicópteros e 12 avións.

Por outra banda, segue decretada a Situación 2 en toda a provinci de Ourensea, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos da Comunidade autónoma e do resto de administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME).

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------