A Executiva Provincial do PSdeG-PSOE vén de manifestar a súa rotunda condena á elección de Miguel Tellado, secretario xeral do PP, como pregoeiro da Festa da Vendima de Leiro 2025. O secretario provincial socialista, Álvaro Vila, denunciou que “esta designación responde a criterios exclusivamente ideolóxicos e o perfil de Tellado carece do prestixio e vinculación co sector vitivinícola que debe caracterizar a quen protagonice un evento declarado de interese turístico de Galicia e financiado con fondos públicos”. Vila expresou o apoio incondicional da Executiva Provincial que el mesmo encabeza ao grupo municipal socialista de Leiro na súa denuncia da “politización” dunha celebración que “sempre foi un referente da cultura e tradición vitivinícola galega”.
Dende o Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Leiro tamén comunican que “rexeitamos a elección de Miguel A. Tellado Fidalgo como pregoeiro da festa da Vendima. Entendemos que esta responsabilidade debe caer sobre calquera home ou muller relacionado co mundo da vitinicultura en xeral e co mundo do Ribeiro e do concello de Leiro en particular”. Engaden que “esta politización devalúa a Festa da Vendima á vez que desprestixa un evento nacido para ensalzar o traballo da xente de O Ribeiro”. Por iste motivo, o grupo municipal do BNG de Leiro anuncia que “vai rexeitar o convite a participar no pregón e calquera acto oficial da festa. Consideramos que o lugar no que debemos estar é cos veciños desfrutando da festa popular de todos”.