O ‘Arenteiro Fotográfico 2025’ estrea o Auditorio do Carballiño como galería para amosar 17 exposicións

A oitava edición do ‘Arenteiro Fotográfico’ ofrecerá dúas novidades importantes no seu desenvolvemento durante os meses de setembro e outubro no Carballiño. A primeira, o traslado da sede das exposicións ao Auditorio Manuel María. A segunda, a edición dun libro que serve como guía para non perderse ningunha das actividades programadas.

A presentación desta xa consolidada iniciativa da Asociación Fotográfica ‘O Potiños’ tivo lugar hoxe na Casa do Concello, coa participación do concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o deputado provincial Rosendo Fernández; a xerente do Centro Comercial Aberto (CCA), Noelia Mares, e o presidente do colectivo organizador, Manuel Blanco.

Tanto Diego Fernández coma Noelia Mares salientaron o feito de que o Arenteiro Fotográfico xa é un referente cultural a nivel de toda España. “Agradecemos o traballo que facedes e convidamos a toda a veciñanza a que se achegue ata o Auditorio e visite as exposicións”, apuntou o edil de Cultura. Pola súa banda, o representante da Deputación de Ourense subliñou que a institución “incorpórase a este evento, que veu encher o baleiro deixado polo Outono Fotográfico” da cidade das Burgas.

Manuel Blanco asegurou que, grazas ao apoio da Deputación, “poidemos dar un salto importante, como foi a edición do libro”, e agradeceu a Diego Fernández a súa axuda “para facilitarnos o uso do Auditorio para a instalación das exposicións, ao ter que deixar o local que tiñamos antes”. E avanzou que “vai ser divertido e moi atractivo que a xente vaia ao Auditorio a ver un total de 17 exposicións”.

Alba R. Chan, Ale Megale, Ana Iglesias, Aurora Soler Vidal, Cristina Abilleira, Grupo Bazán, o IES Chamoso Lamas, Jota Barros, María Tudela, Reflexos, O Potiños en Marrocos e en Branco e Negro, Roberto Steinbrüggen, Xaime Cortizo e Fotosíntese, ademais dos tres premiados no Concurso Fotográfico 2024, entre outras, integran a variada mostra de propostas artísticas nesta edición de 2025, que será inaugurada o vindeiro día 13 de setembro.

O programa tamén contempla a presenza de Gervasio Sánchez (Córdoba, 1959), o afamado fotoxornalista, que protagonizará unha master class na Casa da Cultura o sábado 11 de outubro, ás 17,00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------