A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.


                                                             A todas as mulleres maltratadas, violadas,

PUBLICIDADE ELECTORAL

                                             secuestradas, explotadas, asasinadas, desaparecidas

                                                  … e ás súas familias.

Dante, na Divina comedia, asigna o segundo apartamento do inferno á residencia final dos luxuriosos, que vagan errantes polas súas dependencias. O poeta acaba desmaiándose ante a terrible visión que observa nesa dependencia.

“Cheguei a un sitio onde feriron os meus oídos grandes queixumes. Entrabamos nun lugar que carecía de luz, e que ruxía como o mar tempestuoso cando está combatido por ventos contrarios. A tromba infernal, que non se detén nunca, envolve no seu bulebule aos espíritos; failles dar voltas continuamente, e axítalles e moléstalles; cando se atopan ante o ruinoso valo que os encerra, alí son os berros, os prantos e os queixumes… Souben que estaban condenados a semellante tormento os pecados carnais que someteron a razón aos seus lascivos apetitos; e así como os estorniños voan en grandes e compactas bandadas na estación dos fríos, así aquel bulebule arrastra aos espíritos malvados levándoos de acá cara alá, de arriba abaixo, sen que abriguen nunca a esperanza de ter un momento de repouso, nin de que a súa pena se minore” (Canto V).

            Imaxino, aínda que Dante o eluda, que aos violadores e acosadores os trasladasen a cotío ao sétimo círculo, á residencia infernal dos agresivos contra a vida, porque ademais de seren luxuriosos tamén representan aos auténticos violentos contra as súas vítimas. E teñen méritos dabondo como para “gozar(?)” das torturas e castigos de ambos domicilios como narra no Canto XIV.

Ao lado deles, no octavo círculo, estaban o xuíces que trafican coa xustiza e que tiñan por castigo permanecer mergullados nun lago de alcatrán ardendo. “Oh! Malebranche (gadoupas diabólicas), vede aquí un dos anciáns de Santa Zita (patroa dos maxistrados)… alí todos son vellacos e por diñeiro, dun non fan un ita (si).” E os demos que protexían o quinto foso do octavo círculo do inferno diríxense a Bonturo (o xuíz máis corrupto) con estas verbas: “aquí nádase de diferente modo que no Serchio (río). Se non queres probar os nosos garfios, non saias do alcatrán…. é forzoso que bailes aquí a cuberto, de modo que, se podes, prevariques ocultamente” (Canto XXI).

Esta obra colosal de Dante ben se pode interpretar como un compendio da sabedoría propia do século XIII, que anticipa coa súa excelente e inigualable erudición un amplo catálogo de problemas e propostas para a súa época e que se foron dilatando nos séculos posteriores á edición desta publicación. Mesmamente nos ofrece un amplo repertorio das actuáis controversias políticas, dos eternos interrogantes filosóficos e de gran parte de debates sociolóxicos que xiran ao redor da nosa sempre difícil convivencia.

Triloxía perfecta

Utilizando o bisturí crítico ao texto anterior, extraemos tres ideas mestras para poder reflexionar sobre un dos problemas sociais máis endémicos, inxustos e inhumanos no devir da historia, constatando asemade a escaseza de terapias psicolóxicas, legais e filosóficas eficaces para erradicalo. Aludo ás mulleres que son maltratadas e discriminadas, secuestradas e violadas, traficadas e explotadas, desaparecidas e asasinadas… Violadores sexuais, machos violentos e xuíces corruptos forman a triloxía sociolóxica dese retablo no que se representa a traxedia e vulnerabilidade das mulleres.

Historia dunha sumisión

Semellante traxedia non é unha estrea do século XXI nin do XX, nin sequera do XIX…, vénse representando desde tempos inmemoriais. A muller entra na historia como responsable do pecado no mundo. Eva claudicou ante a tentación arrastrando ao home, Adán, a perder o paraíso. A partir dese adamismo, a muller circula pola historia como unha sombra do home. “Que as casadas estean suxeitas aos seus propios maridos… porque o marido é cabeza da muller…” (Efesios: 5, 23).  

A violencia exercida sobre o sexo feminino acentuou ese aspecto na sociedade desde tempos antigos. A violencia sexual converteuse nun modo máis de expresar o dominio que o home posuía sobre a muller. Co paso do tempo, a violencia sexual pasou a reflectir a esencia do patriarcado, unha forma de fomentar a autoridade do sexo masculino relegando ás mulleres a un segundo plano. A mitoloxía grega reflicte grandes contidos do sexismo imperante na sociedade antiga, moitos dos seus mitos lexitimaban a supremacía do patriarcado. O rapto de Europa alude a un claro exemplo mitolóxico no que se exerce a violencia sobre a protagonista. Ese mito relata o secuestro de Europa, filla do rei fenicio Agénor e da súa muller Telefasa, perpetrado por Zeus. E non faltan críticos que consideran a Zeus como o primeiro violador, e ademais reincidente, da historia (mitolóxica) ao facer uso dos propios poderes para satisfacer os seus desexos e cometer atroces abusos sexuais. Violou a Leda converténdose en cisne, e a Europa metamorfoseándose en touro; raptou ao mozo Ganímedes; abusou da súa nai Rea e da súa irmá Demeter, de cuxa violación naceu Perséfone, violada á súa vez por Hades e Poseidón. En definitiva, o legado cultural grecolatino, no que se apoia a simboloxía e tradicións do mundo occidental, é absolutamente perturbador e execrable.

É preciso entender que os mitos reproducen a visión que os homes tiñan sobre as mulleres nesa sociedade, o que se pode interpretar como un trazo e unha consecuencia directa do sistema patriarcal establecido na Antiga
Grecia. Era un sistema baseado no prexuízo sexista da inferioridade natural do sexo feminino que dá lugar a relacións sociais asimétricas e xerárquicas entre homes e mulleres. Esas relacións adoitan apoiarse nos mitos de prácticas violentas, sexan físicas, sexuais ou puramente simbólicas, de forma que conseguen fortalecer a supremacía do home sobre a muller.

Tampouco nos pode sorprender que a forma de expresar a desigualdade entre homes e mulleres na mitoloxía grega sexa a violencia sobre o sexo feminino, considerado inferior, porque era unha maneira de conseguir degradar a figura feminina para poder expresar a potestade e o control masculino, engrandecendo máis facilmente a figura masculina.   

A muller, desde os inicios da historia, carece dos valores e dos privilexios do varón na sociedade. En Grecia carecía da cidadanía, pois nese ámbito tiña o mesmo rango que os escravos. Na antiga Roma, as mulleres si se consideraban cidadás, aínda que non podían votar nin ocupar cargos públicos; en cambio, si podían exercer o sacerdocio no ámbito relixioso… Na Idade Media, a muller era a encargada da casa, dos fillos e dos labores do campo; mentres, os teólogos discutían sobre a existencia da alma na muller, problema que se resolveu de maneira afirmativa no Concilio de Trento (s. XVI). Durante o Renacemento, as mulleres aparecen asociadas á maternidade como a súa característica innata e natural; a súa posta en escena responde a unha construción social intrinsecamente ligada ao patriarcado nas sociedades europeas, que ten como obxectivo manter a subordinación das mulleres por medio da imposición ideolóxica e a interiorización dos valores dominantes por parte delas. Non obstante, aparecen os primeiros xermolos reivindicativos dalgunhas mulleres que reclaman o dereito a pensar e a escribir libremente.

Foi na Ilustración cando as mulleres empezaron a reclamar os seus dereitos, iguais aos homes, avogando pola igualdade. Destacan como mulleres ilustradas as francesas Emilie du Chatelet -física e filósofa- e Marie Paulze Lavoisier -química; a escocesa Mary Somerville, científica e escritora; a astrónoma alemá Carolina Lucrecia Herschel…​ Foi na Revolución Francesa cando algunhas mulleres se decataron de que os dereitos humanos tan enxalzados pola Ilustración beneficiaban tan só aos homes. Olympe Marie de Gouges redactou, en setembro de 1791, a famosa Declaración dos dereitos da muller, que entregou á Asemblea Nacional para a súa aprobación. Detrás dela había un gran número de mulleres organizadas en asociacións femininas. Estas mulleres definíanse a si mesmas como seres humanos e cidadás, proclamando as súas reivindicacións económicas e políticas. Pero Olympe de Gouges foi degolada xunto con moitas mulleres famosas.

Con todo, a Ilustración non foi quen de expulsar da sociedade esa ignominia da dependencia da muller respecto ao home. O propio Kant, espello e arquetipo da Ilustración, afirmaba que as mulleres, a diferenza dos homes, teñen unha débil inclinación ás paixóns, polo cal é conveniente que permanezan entre certos límites dentro da casa, especificamente ocupándose dos oficios domésticos.

E tampouco o século XIX foi quen de alterar o rumbo da historia. O filósofo Schopenhauer seguía desprestixiando á muller ao considerala cunha intelixencia menor en comparación á do home. A misoxinia do filósofo alemán reloce nos epítotes cos que agasalla ás mulleres: “mentirosas e traidoras”. O seu único papel no mundo non é outro que o da sumisión ao home e a reprodución. E que dicir da misoxinia de Nietzsche: “O home ama dúas cousas: o perigo e o xogo. Por iso ama á muller, o máis perigoso dos xogos” (Así falou Zaratustra).

Na mesma liña van as teorías tremendamente despectivas sobre a muller do positivista Augusto Comte. A muller é un ser inferior e secundario no mundo da ciencia, dependente e subordinado na vida social e na familia, pois na casa entrégalle o mando ao home, ao que lle debe unha cega obediencia. Non obstante si se fixeron oir as voces de Emilia Pardo Bazán, no Nuevo teatro crítico e en La Tribuna, e de Concepción Arenal (La mujer del porvenir).

Pero en pleno século XX, Freud volve á carga afirmando que o desenvolvemento moral das mulleres permanece por baixo da máis desenvolvida e completa conciencia moral dos homes.

            A muller así filtrada pola historia constitúe, xa que logo, o cerne dese drama no que comparte elenco cos violadores, violentos e maxistrados. Ela no papel de vítima, outros no rol de verdugos, e algúns outros como censores.

Os verdugos

No elenco etolóxico dos verdugos abundan perfís psíquicos e físicos polimorfos. E o mesmo sucede co prototipo social do violador ou agresor (marido, familiar, amigo, noivo, coñecido, compañeiro, descoñecido… adolescente, xove, maduro, vello…). No que coinciden todos é na agresividade e na valoración que propoñen da muller: como propiedade súa ou como obxecto de pracer.

A agresividade é unha forma de conduta violenta que ten como finalidade ocasionar dano físico ou psicolóxico a outro individuo.  As causas desa conduta antisocial adoitan explicarse desde diferentes enfoques, un deles -e da máxima relevancia- procede da bioloxía e da xenética, que establecen relacións dos verdugos con factores hereditarios, por alteracións na produción de neurotransmisores como a serotonina, a dopamina, a anaradrenalina, etc. ou mesmo por toxicidade de drogas. Nese contexto, a agresividade é unha situación de descontrol emocional que se relaciona tamén cun déficit de endorfinas. A estas explicacións biolóxicas resulta interesante aportar conceptos e datos utilizados nas ciencias sociais, en especial da criminoloxía, para completar así un estudo máis holístico da etioloxía deste tipo desprezable de condutas.

A descrición dos verdugos non se circunscribe a un único perfil nin obedece a un só modus operandi, senón que a catalogación dese abxecto espécime humano abre un vasto abano de características patolóxicas que poden agochar os ignotos motivos da súa truculenta iniquidade. Os verdugos adoitan disfrazárense de violencia para actuar como violadores, secuestradores, asasinos, corruptores… desde o seu propio carrusel de exterminio, masacre e dor. Por tal razón, detrás de todo acto violento soen esconderse emocións corrosivas (que tan ben tratou o neurocientífico Ignacio Morgado), como o rancor, o odio, a vinganza, os celos… Actualmente existen estudos moi importantes de xenética condutual de diversos países e mediante distintos procedementos que chegaron á conclusión de que “a propensión á criminalidade ten unha notable carga xenética” (Adolf Tobeña: Neurología de la maldad).

            Resulta racionalmente inexplicable que pode impulsar a esa lacra social a consumar o suplicio das súas vítimas. Tampouco se entende que convivamos con espíritos tan perversos, con depredadores humanos agredindo e con ansia insondable de se vexar a si mesmos, de lle ofrecer violencia á súa propia natureza e de facer o mal só polo mal.

As vítimas

Deixar falar ao sufrimento é a condición de toda verdade

Esas palabras lanzadas polo filósofo Theodor W. Adorno ao revisar a historia do exterminio de Auschwitz podemos extrapolalas ao martirio, rancio e secular, dos seres humanos femininos. É unha mensaxe optimista para empezar a cambiar o curso desta deriva, inicua e perversa, así como para repensar a política, a ética e a historia coa mirada das vítimas. Pero para logralo resulta imprescindible modificar o modelo crítico de análise e o criterio hermenéutico de interpretación.

            Os igualitaristas éticos defendemos a igualdade de dereitos e deberes para mulleres e homes, porque consideramos a dignidade como principio fundamental da persoa. E tan digno é o home como a muller.

            A memoria do sufrimento da muller tería que ser un desideratum categórico da sociedade que reprobase o seu vilipendio histórico, tutelando e amparando ás vítimas dos malos tratos, das violacións sexuais, da explotación, do asasinato… Adorno sorprendíase do pouco que se centra a filosofía no sufrimento humano, por iso reaccionou ante ese olvido tentando interpretar a Historia como sufrimento, tecendo un pensamento que poña de manifesto a dor das vítimas ante os poderes alimentados polo principio de dominio. A memoria da dor non se centra no individuo ou na humanidade en abstracto, senón na persoa concreta. M. Horkheimer reivindicaba igualmente a relación entre razón e memoria, de modo que o uso crítico da lembranza se vaia perfilando como o fundamento da razón práctica do sufrimento, obviando nesa análise a razón teórica, abstracta e ideal. Na mesma dirección procederon pensadores como W. Benjamin ou H. Marcuse.

            Pero para lograr esa meta é preciso abordar a historia desde a dialéctica negativa, como pretende Theodor Adorno, desmitificando os conceptos e revelando todo o que permanece oculto; só así será posible expresar con total claridade as crenzas prehistóricas e poderemos develar o mito que xace subordinado á razón. Desde este punto de vista, o mito e a razón actúan como polos opostos da persoa nas súas distintas facetas e como unha manifestación da irracionalidade na relación entre o individuo e a sociedade. Así, nese contexto, a constitución da persoa moverase nunha tensión entre as crenzas míticas do pasado e a racionalidade obxectiva, o que seguramente pode xerar sufrimento, pero tamén conformar unha discreta moralidade.

            En todo caso, urxe eliminar as inxustizas sociais que provocan esas diferenzas e discriminacións na muller. Non se pode admitir que á esencia feminina vaia incorporado o estigma da violabilidade como castigo. Na dignidade humana están implícitos os dereitos inviolables da persoa, entre os que se inclúe a inviolabilidade sexual. Pero as estatísticas sociolóxicas advirten que a proporción de mulleres vítimas de delitos contra a inviolabilidade sexual segue sendo elevada. Por tal razón, como se dun programa macabro se tratase, a cidadanía, expectante e encollida, asiste cada día ao balance que aportan os medios de comunicación dos ataques ás mulleres; e cando ausencia de novas ao respecto circula neses medios, celébrase como unha grande e extraordinaria noticia da xornada.

A xustiza

Nunha sociedad democrática, anexada a un Estado de dereito, as condutas dos cidadáns son ratificadas pola lei. Con todo, nunha sociedade democrática, as leis son interpretadas por cidadáns especializados nos códigos que catalogan todas e cada unha das leis dunha sociedade concreta. E tratándose de interpretación subxace aquela máxima de Publio Terencio Africano: Homo sum, humani nihil a me alienum puto. Que calquera ser humano se pode equivocar, errar e confundirse cando interpreta a realidade desde a súa perspectiva… E tratándose de sentenzas xudiciais, decatámonos que con demasiada frecuencia se producen críticas ás mesmas por parte da cidadanía. Tamén cando esas sentenzas afectan ás violacións, aos malos tratos, ás mortes… das mulleres. Nese caso a opinión popular adoita catalogalas de absurdas, inxustas e malevolamente hostís porque, nalgunhas ocasións, os xuíces absolven ao violador inculpando á vítima por provocativa na súa forma de vestir, por non se negar expresamente á violación, por frecuentar lugares sospeitosos…En definitiva, as vítimas inocentes quedan baixo sospeita.

            E cando se produce unha sentenza así, impresiona contemplar a situación psicolóxica das vítimas laiándose avergoñadas diante da sociedade con palabras cortadas por profundos suspiros e incontrolados saloucos mentres relatan as súas horrorosas experiencias. Vítimas sometidas á morte do vivir de cada día rememorando o espanto e o medo que lle inspiran uns miserables badulaques que se cruzaron como vellacos no seu vital itinerario; uns malvados mefistofélicos que despois de que un xuíz os deixase en liberdade son vitoreados, esporeados, acirrados… como heroes e guerreiros polas súas familias e amigos. Náuseas, noxo, repugnancia e vergoña provocan eses humillantes espectáculos! Ante tanto sufrimento, un estremécese e sente resoar no seu interior a queixumeira voz de Hamlet: “Nacín neste país e formáronme nos seus costumes, pero creo máis digno fuxir de semellantes hábitos”.

Creo que ante esas reiteradas críticas sociais, a xustiza debería ser máis empática e xusta coas vítimas, así como extremadamente drástica, inclemente e severa cos abusadores, agresores e violadores. A sociedade non reclama decisións ilegais nin sancións arbitrarias, pero si ecuanimidade, sensatez, proporcionalidade… cos agresores e coas vítimas. Algo parece evidente nestes procesos: O inferno psicolóxico que lles espera ás vítimas polo resto da súa vida. Estas si que lle atopan sentido as palabras de Sartre: “O inferno son os outros” (Huis clos). Un inferno aceso coas lembranzas da vexación á súa dignidade e das que non se librarán ata que embarquen con Caronte. Sería máis eficaz e xusto trasladar ao peirao de Caronte o Hades, ubicado na outra beira do Estixia, para que os tormentos dos malvados se puidesen retransmitir en directo.

Saída

Se nos posicionamos fronte a este problema cunha actitude obxectiva e realista colixiremos que despois de tantos séculos, mesmo de milenios, de inxustiza cronificada contra a muller non resulta doada unha saída eficiente e decisiva que resarce o suplicio, a pena, a angustia, o dano e o sufrimento de tantas mulleres do pasado e que, ao mesmo tempo, protexa e blinde as mulleres do presente e do futuro. Pero haberá que intentalo.

            O primeiro será estigmatizar ao agresor e salvar á vítima. O agresor deberá ser censurado e marxinado socialmente como axente perturbador da convivencia. E a vítima terá que ser protexida, amparada e defendida polas institución e pola opinión pública.

            Pero o máis importante do problema é poder elimínalo de raíz. Para logralo empecemos implicando ao Parlamento, esixíndolle o selo dun pacto institucional polo que se comprometa revisar a actual lexislación relacionada coas agresións e malos tratos, así como o compromiso dun cambio do código penal, en consonancia cos actuais problemas sociais, no que respecta ás agresións ás mulleres. A fustrigación implacable ao agresor, así como un variado catálogo de penas contundentes, acordes cos tipos de agresión, deberían ser obxectivos ineludibles nese proxecto lexislativo. Con estas modificacións lexislativas os xuíces poderían ditar sentenzas máis xustas, máis equitativas e incluso compartidas gratamente pola cidadanía.

            Un terceiro chanzo cara á solución sería fiscalizar a actual lexislación do consumo pornográfico, ao que, burlando os controis legais, poden acceder actualmente con total impunidade os menores de idade. E moitas das violación sexuais entre menores de idade teñen a súa orixe aquí.

Outra fórmula prescritiva contra ese trastorno sería un minucioso control das redes sociais, nas que o disfraz, o engano, o grooming e outros perigos aniñan de forma virtual nas mentes infantís e xuvenís.

            E, por último, pero fundamental, a educación -familiar e escolar- ensamblada a valores éticos, á empatía e á solidariedade; unha educación que debe ser incluso prioritaria aos coñecementos de conceptos, de teorías científicas ou de contidos curriculares. É indigno o proceder dalgúns proxenitores fronte á conduta duns fillos insolentes, arrogantes e procaces violadores aos que reciben como heroes e guerreiros despois de violaren a unhas adolescentes, e que a xuíza de turno os deixase en liberdade. En lugar de lles esixir unha confesión pública a través dunha metanoia de profundo arrepentimento, aplauden a súa inquietante covardía. Esa conduta paterna atenta contra a convivencia social e revela tal patoloxía que merece ser sancionada pola xustiza, pois explica que a escala de valores cos que modelaron aos seus fillos procreou eses monstros desalmados. Heroes, na opinión paterna, mentres as súas vítimas -como nalgunhas sentenzas xudiciais- quedan baixo sospeita.

En conclusión, a maioría dos asasinatos das mulleres e dos seus fillos están perpetrados por homes incapaces de superar a frustración que lles produce o feito de que elas queiran rematar unha relación sentimental con eles. Pero nesta sociedade tan inxusta, a miúdo a muller-vítima é considerada sospeitosa.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.