O IES Nº1 do Carballiño abre un novo curso lectivo cargado de “soños, ilusións e proxectos”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

As instalacións do Instituto de Ensino Secundario (IES) Nº1 do Carballiño acolleron esta mañá a inauguración do curso 2025/2026 para todo o alumnado e profesorado das diferentes etapas de ESO e Bacharelato. Precisamente o estudantado destes últimos cursos (1º e 2º) asistiron a unha charla de apertura, que correu a cargo da carballiñesa Marina Ortega, psicóloga e exalumna do centro.

Marina Ortega lembrou o seu pasado como estudante do IE Nº1, do que valorou o seu alto nivel académico, e a súa traxectoria e experiencia vital a xeito de motivar ás alumnas e alumnos de Bacharelato cara o seu futuro profesional, “que lle den saída ás inquedanzas que poidan ter e que poidan ser fructíferas”.

Tania Rodríguez Canitrot, especialista en atención psicolóxica xeral a adultos, infancia e familia, ofreceu ao alumnado de 3º e 4º da Eso unha charla tan necesaria como reveladora.

Ante un auditorio expectante, Rodríguez Canitrot desagregou con claridade e proximidade a rede de apoio que existe ao seu ao redor. A súa intervención centrouse en explicar a diferenza e a importancia dos servizos comunitarios básicos e específicos. Faloulles de como os primeiros –como centros de saúde, traballadores sociais ou servizos municipais– constitúen unha primeira liña de axuda accesible para todos.

Posteriormente, profundou nos servizos específicos, detallando o papel crucial de profesionais como os psicólogos, logopedas ou equipos de orientación educativa, cuxo apoio está especializado en necesidades concretas.

Johnny Trigás Rodríguez, diplomado en Dirección de Empresas e Marketing, quen se dirixiu aos mozos de 1º e 2º de Eso non como un conferenciante ao uso, senón como un exemplo tanxible de emprendemento e arraigamento.

Trigás, cun estilo próximo e directo, debullou ante un auditorio cada vez máis atento os detalles do proxecto que dirixe: ‘Terras de Boborás’. Faloulles da apicultura non como un oficio do pasado, senón como unha oportunidade de futuro, innovadora e sostible.

A súa mensaxe central foi unha poderosa e necesaria afirmación: “Na nosa terra hai futuro”. Insistiu en que Galicia está chea de oportunidades para quen saiba observala con enxeño, esforzo e agarimo. Lembroulles que o coñecemento que adquiren nas aulas é a ferramenta fundamental para detectar esas oportunidades e transformar a súa paixón nunha profesión con raíces.

A directora do centro, Almudena Mosquera, apunto que “aínda que con nervios, comezamos este novo curso con moitos soños, ilusións e proxectos” e desexou “moita sorte” nesta nova andaina tanto ao alumnado coma ao personal docente e non docente do IES Nº1.

No municipio do Carballiño están matriculados para este curso que agora comeza un total de 603 estudantes de Educación Secundaria e 234 de Bacharelato, según os datos facilitados pola Consellería de Educación e Universidades. No caso da Educación Primaria son 582 as alumnas e alumnos que inician o programa lectivo de 2025/2026, por 183 en Educación Infantil.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------