O pleno da Corporación de Leiro apoia unánimemente unha proposta do PSOE para garantir seguridade na vendima

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Leiro logra o apoio unánime da corporación municipal para aprobar unha moción de urxencia en relación ás inspeccións laborais na actual campaña da vendima. A iniciativa socialista partía da preocupación manifestada polos numerosos viticultores e colleiteiros de Leiro e da comarca do Ribeiro, que nestas últimas semanas viron con se intensificaban as inspeccións laborais durante a recollida da uva.

Dende o grupo municipal socialista de Leiro consideran “imprescindible” que a corporación actúe con carácter “urxente”, xa que tal e como apuntan “a vendima está xa en pleno desenvolvemento e esperar ao seguinte pleno deixaría sen efecto os acordos conseguidos”. Ante esta situación, os representantes socialistas decidiron presentar a moción pola vía de urxencia, contando co respaldo do BNG e o PP, o que en palabras das e dos socialistas “demostra que cando se trata de defender os intereses da veciñanza e do sector vitivinícola, é posible chegar a consensos amplos”.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez e Pedro José González, valoran “moi positivamente esta unanimidade” e sinalan que o feito de que os tres grupos con representación no pleno votasen a favor da iniciativa demostra que, “máis aló das diferenzas ideolóxicas, todos compartimos a prioridade de apoiar aos viticultores e colleiteiros de Leiro e garantir que a vendima poida desenvolverse con tranquilidade”.

Rodríguez e González insisten en que a vendima “non é só un proceso económico, senón tamén unha tradición social e cultural que forma parte da identidade de Leiro e do Ribeiro”. Ambos coinciden ao afirmar que “defendela, non significa xustificar prácticas irregulares, senón reclamar seguridade xurídica, claridade normativa e respecto ás particularidade do rural”.

O PSdeG-PSOE de Leiro reitera o seu compromiso para seguir traballando a favor do sector vitivinícola e da veciñanza, convencidos de que “só a través da unidade e do diálogo seremos capaces de dar respostas útiles aos retos actuais”.

Acordos aprobados na sesión plenaria

1.    Solicitar á Inspección de Traballo unha campaña informativa urxente dirixida a viticultores e colleiteiros, que permita aclarar en que condicións é posible a colaboración altruísta de familiares e veciños nas vendimas.

2.    Instar ao Goberno central a establecer directrices claras que garantan seguridade xurídica e recoñezan a tradición da vendima como parte esencial da nosa realidade social e cultural.

3.    Poñer en marcha desde o Concello un servizo básico de información e asesoramento á veciñanza durante a campaña, en colaboración con cooperativas e asociacións do sector.

4.    Dar traslado do acordo ás administracións competentes para que teñan coñecemento da posición oficial adoptada pola Corporación de Leiro.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------