O Bloque Nacionalista Galego (BNG) do Carballiño rexistrará unha moción para esixir a dimisión inmediata do grupo municipal de goberno (integrado por PSdeG-PSOE e Partido Popular), reclamando así “un novo tempo político baseadoa na verdade, a defensa do territorio, transparencia e o respecto á veciñanza”. A formación nacionalista considera que “este goberno baseado na mentira, a deslealdade e a ocultación, sumado ao acontecido co proxecto eólico, non pode seguir un minuto mais á fronte do Concello do Carballiño”.
A formación nacionalista apuntan que “un goberno local, formado por PP e PSOE, capaz de asinar acordos con empresas promotoras da construción de macro parques eólicos, cuxas liñas de evacuación atravesarían o noso concello, co dano que isto leva consigo, aceptando en troques o reparto nos beneficios de ditos parques nunha porcentaxe clarísimamente insuficiente, admitindo cláusulas de confidencialidade do proxecto totalmente inasumíbeis por calquera cargo público, sendo consciente que o único que traerían en realidade son: danos ambientais e patrimoniais irreversíbeis, desvalorización da propiedade nas zonas afectadas e baixa da calidade de vida dos que alí viven, así como posíbeis danos na saúde; efectos recoñecidos por eles mesmos nas alegacións que presentaron”.
Dende o BNG lamentan que o equipo municipal de goberno respostara con mentiras e ocultación ás demandas de información formuladas sobre os devanditos acordos, e califican de “hipócrita” a declaración institucional do Concello en defensa da veciñanza afectada polo paso das liñas eléctricas. E lémbranlle ao actual rexedor en funcións do Carballiño, o popular José Castro, que no momento en que tiveron lugar as negociacións e os acordos posteriores coa promotora dos parques eólicos, él ocupaba o cargo de tenente de alcalde, “polo que a súa alegación de descoñecemento non o exime en absoluto das responsabilidades políticas nin institucionais que lle corresponden”.