A Deputación entrega os premios do XVIII Certame Internacional de Artes Plásticas para Artistas Emerxentes

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Participaron preto de 300 obras de artistas de diferentes países

A malagueña Ana Pavón foi a gañadora do primeiro premio cunha pintura de gran formato titulada “Gineceo II”

Ourense, 19 de setembro de 2025.

O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernandez, entregou a Ana Pavón Porras (Coín-Malaga, 1996) o primeiro premio  da XVIII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para novos valores, galardón conseguido  cunha pintura de gran formato titulada “Gineceo II” e na que a autora alude ao espazo do fogar que na antiga Grecia era reservado exclusivamente para as mulleres e que os homes unicamente podían imaxinar.

A obra, unha pintura de 195 x 200 cm, forma parte dunha serie desta artista que a pesares da súa xuventude xa ten realizado exposicións en Beirut, Tokio, Barcelona, Cádiz, Málaga ou Salamanca. Tamén foi becada pola fundación Antonio Gala ou a Xunta de Andalucía. O primeiro premio está dotado con 5.000 euros e a obra premiada pasa a formar parte do patrimonio artístico da Deputación.

O segundo premio desta edición foi para “Pintura pechada III”, de Carlos Fer (Carlos Fernández López). Trátase dun acrílico sobre lenzo intervido con pestillos e tiradores que tentan substituir as tradicionais suxecións dun cadro colgado.

“Crash” é outra obra de gran formato (200 x 200cm) da que é autor Julio Catalán Rubinos e que foi galardoada co terceiro premio. Trátase dunha instalación que combina restos de faros traseiros de coche e aramios dispostos sobre a parede para construir una composición que se sitúa entre o accidente e a reconstrución.

O certame deste ano inclúe dous accésits para a obra “Hybrid Plant” de Antía Iglesias e “Las partes en las que tengo que plegar un rascacielos” de Mar Soriano.

O xurado desta edición estivo integrado por Xosé Manuel Buxán Bran, Decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra (UVIGO); Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CEGAC); Rosendo Cid, artista e comisario de exposicións; Eva Torres, directora dos espazos expositivos do concello de Ourense, e Angel Cerviño, artista, escritor e comisarios de exposicións. O director do centro cultural, Francisco González, exerceu de secretario.

Ademais da entrega dos premios, o certame inclúe unha exposición con 26 traballos seleccionados entre as 300 obras presentadas e que se poderá visitar dende este venres ate o día 2 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

César Fernández salientou na súa intervención o compromiso da deputación co apoio aos novos valores, tanto no eido da arte e da cultura coma noutras facetas sociais (hoxe a Deputación entrega tamén as súas becas e axudas a deportistas).

Os artistas participantes proviñan de lugares como España, Portugal, México, Colombia, Croacia ou Ecuador, entre outros

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------