Nas últimas horas, varios veciños e veciñas do municipio de Boborás, incluída a alcaldesa, foron obxecto dun intento de estafa realizado a través da aplicación de mensaxería WhatsApp.
O modus operandi consiste en que os estafadores, tras suplantar a identidade dun veciño coñecido –apoderándose da súa conta de WhatsApp–, comezan a enviar mensaxes aos contactos da súa axenda solicitando pequenas cantidades de diñeiro a través de Bizum.
A propia alcaldesa relata a súa experiencia: “No meu caso, xa me pareceu sospeitoso. Pedinlle que me chamase e non o fixo. Cando o chamei por teléfono de forma directa, o propio veciño confirmou que non sabía nada do asunto e que máis xente xa lle advertía”.
Desde o Concello de Boborás quérese alertar á poboación para que extreme as precaucións:
Non realice ningún ingreso se recibe unha mensaxe destas características.
A estafa pode resultar convincente porque o remitente suplanta a identidade dunha persoa coñecida.
Ante a menor dúbida, contacte directamente coa persoa por outro medio (chamada de voz) para verificar a petición.
Ínstase os cidadáns a difundir esta información para evitar que máis persoas poidan ser vítimas deste engano organizado.