O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar para o seu tratamento na vindeira sesión plenaria do Carballiño, prevista para o xoves, unha moción de urxencia na que solicita que a Corporación “declare nulo o convenio asinado polo alcalde do Carballiño o día 12 de marzo coas empresas Tipuana Wind S.L., Seyal Wind S.L., Cercis Wind S.L., Caoba Wind S.L. e Betula Wind S.L. para favorecer a construción dos proxectos relacionados cos parques eólicos e as liñas de alta tensión”.
Dende esta formación política lembran que “A mediados do pasado mes de xuño foi cando moitos veciños do Carballiño nos enteramos de qué xa estaba moi avanzado un proxecto para a construción dunha liña de alta tensión que atravesaba de punta a punta o noso concello. Unha infrastrutura que de levarse a termo, comportaría un irreparable dano para este territorio, cun impacto negativo brutal sobre o patrimonio histórico e natural e sobre a saúde dos núcleos afectados”, citando aos pertencentes ás parroquias de Seoane, A Piteira, Madarnás e Mudelos.
A finais dese mesmo mes, Espazo Común traslada ao pleno da Corporación unha moción de urxencia sobre este tema, se ben o goberno municipal elaborou unha declaración institucional (aprobada finalmente por unanimidade) para oporse ao proxecto de paso das liñas eléctricas e presentar as correspondentes alegacions ao mesmo.
Sen embargo, tal e como apuntan dende este grupo da oposición, “o goberno PPSOE ocultou que era coñecedor deste proxecto con moita antelación, ata tal extremo que xa o 12 de marzo o alcalde asinara un convenio con ditas empresas para apoiar os seus proxectos e comprometerse a gardar silencio sobre os mesmos”, motivo polo cal solicitan agora a súa anulación por parte do pleno da Corporación do Carballiño.
Asemade, dende Espazo Común adiantan tamén que apoian a proposta formulada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) “solicitando a dimisión do goberno PPSOE por ocultar isto á cidadanía e asinar unha vergoñenta cláusula de confidencialidade”.