O presidente provincial, Luis Menor, coñeceu da man dos responsables deste programa as accións que se porán en marcha, cunha primeira fase de análise da situación e presentación aos concellos para a súa adhesión.
Ourense, 23 de setembro de 2025.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, xunto ao deputado de Dinamización do Medio Rural, Xosé Miguel Pérez Blecua, mantivo unha reunión de traballo co fundador de Proxecto Arraigo, Enrique Martínez Pomar, e o seu equipo técnico, para coñecer os detalles dunha iniciativa que ten como principal obxectivo atraer poboación ao rural ourensán.
O proxecto, sinalou Luis Menor, iniciarase cun traballo de campo para analizar o punto de partida e abrir unha fase de adhesión de concellos, para despois deseñar plans de actuación piloto, avaliar os seus resultados e estender as accións a outros puntos da provincia.
O presidente da Deputación valorou positivamente este proxecto, presente xa en máis de 500 pobos de España e recoñecido pola Unión Europea, apuntando que “toda iniciativa enfocada a traballar no ámbito do reto demográfico axuda a identificar as necesidades reais do territorio e a planificar sobre elas futuras estratexias.
Primeira fase de diagnose
O proxecto arrinca cunha fase de diagnose na que os técnicos do proxecto traballarán xunto aos concellos e axentes locais para identificar vivendas dispoñibles, oportunidades de emprego, servizos e recursos comunitarios. Nesta liña, programáronse reunións informativas dirixidas aos concellos e axentes do territorio para dar a coñecer o proxecto. Hoxe terá lugar a primeira reunión na sede do GDR Monteval, mañá no GDR Ardecou e o xoves no GDR Sil-Bibei-Navea. Haberá unha nova quenda de reunións durante o mes de outubro.
Iniciativa pioneira
Proxecto Arraigo é unha iniciativa pioneira que xa acompañou a máis de 1.000 familias a iniciar a súa vida no medio rural, recoñecida pola Unión Europea e por varias deputacións españolas como Burgos, Cuenca, León ou Palencia. Actualmente, máis de 28.000 familias están inscritas na súa base de datos buscando un novo proxecto de vida no campo.