Adamantino Barreiro García, funcionario da Administración Local con habilitación nacional, subescala Secretaría Superior, tomou posesión hoxe como novo vicesecretario xeral da Deputación. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, deulle a benvida no seu despacho do Pazo Provincial e desexoulle os mellores éxitos na etapa profesional que agora comeza. Adamantino Barreiro, licenciado en Dereito, é doutor pola Universidade de Vigo “Cum Laude” obtido coa tese doutoral “A caducidade das licenzas  urbanísticas”.

Iniciou a súa traxectoria profesional como secretario-interventor en 1990, no concello de San Amaro, e posteriormente en Chandrexa de Queixa. Foi secretario dos concellos de Forcarei e Moaña e desde novembro de 2019, vicesecretario do concello de Las Palmas de Gran Canaria. Ten publicado numerosos artigos técnicos na Revista Xurídica Galega da cal é membro do consello de redacción e responsable da área contencioso-administrativa, ademais de ter realizado actuacións xudiciais como letrado da Administración en procesos contencioso-administrativos e laboral.