O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou na clausura da xornada ‘Mobilidade Sostible na Ribeira Sacra’, que se desenvolveu esta mañá no Parador de Santo Estevo en Nogueira de Ramuín.

Alí anunciou que, precisamente nesta xornada de celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, a Xunta acaba de coñecer que o Consello Consultivo Internacional para as Reservas da Biosfera trasladou o preceptivo informe favorable ao Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB sobre a candidatura da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, o que vén dicir que o órgano consultivo da Unesco recomenda que se aprobe a proposta presentada pola Xunta.