Quintela de Leirado recupera a historia e a memoria colectiva da veciñanza co Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Na inauguración das instalacións, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, afirmou que “aquí se pode sentir o que significa o fenómeno da emigración”, cualificando o museo como “un centro de referencia único para falar da importancia de Guinea Ecuatorial na traxectoria de tantos homes e mulleres deste territorio” 

O alcalde, José Antonio Pérez, agradeceu a colaboración da Deputación neste proxecto, así como da veciñanza “pola cesión de fotografías, documentos e todo tipo de material para reconstruír o noso pasado” 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, acompañado polo alcalde de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez, participou hoxe na inauguración do Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial, un proxecto único en España que contou coa colaboración da institución provincial e no que se recolle a memoria colectiva da veciñanza do municipio e zonas limítrofes, que no pasado século protagonizou unha emigración de singulares características ao escoller como destino na súa práctica totalidade a antiga colonia española. 

Manuel Baltar cualificou o museo como “un centro de referencia único para falar da importancia de Guinea Ecuatorial na traxectoria de tantos homes e mulleres deste territorio que co seu esforzo e traballo contribuíron a facer máis grande un país que lles recibiu cos brazos abertos”. 

O presidente provincial felicitou ao goberno local de Quintela de Leirado, nomeadamente ao seu alcalde e tenente alcalde, José Antonio Pérez e Pablo Pérez, por “esta homenaxe á identidade que debemos conservar”, engadindo que “hoxe o que estamos a facer con este acto é ourensanía, como sentimento de pertenza ao territorio, como pobo creativo e traballador que somos, pero tamén emigrante”. 

Neste sentido afirmou que “aquí se pode sentir o que significa o fenómeno da emigración, como tamén o estamos a procurar desde a Deputación a través do que será o museo galego da emigración”, que estará situado no Pazo de Vilamarín. 

José Antonio Pérez, que agradeceu a colaboración da Deputación neste proxecto, quixo subliñar a “gran acollida que desde o primeiro momento tivo a idea deste museo entre a veciñanza, que se reflicte na cesión de fotografías, documentos e todo tipo de material para reconstruír o noso pasado”. Unha iniciativa que tamén foi aplaudida por Carmen Güerri, catedrática de Historia da Arte na Universidade Complutense de Madrid, nacida en Guinea e asesora do proxecto, presente tamén na inauguración. 

A característica singular e pioneira deste museo e a historia que relata, malia que noutros puntos da xeografía española como o Pirineo Aragonés tamén a emigración escolleu este destino, non pasou desapercibida para a diplomacia española e guineana que felicitaron ao concello por esta iniciativa. 

O Museo da Emigración a Guinea Ecuatorial contou coa colaboración da Deputación de Ourense, que achegou unha axuda de 48.000 euros para adaptar as instalacións do edificio multiusos de Leirado, onde agora os visitantes poderán coñecer, a través de testemuñas audiovisuais e materiais, como era a vida no municipio a principios do pasado século, o momento no que emprendían a viaxe cara Guinea, como era a súa vida e o seu traballo nas plantacións de cacao e as condicións nas que tiveron que fuxir do territorio ao declararse a independencia.  

O exhaustivo proceso de recollida de información mesmo levou a descubrir ao primeiro veciño que emigrou a Guinea, Eloy Estrada, aló polo 1896, e que tras mercar unha plantación de cacao provocou o efecto chamada entre os seus paisanos, ata tal punto que de a Quintela de Leirado tamén se lle coñecía como o Val de Fernando Poo, en alusión á illa da provincia española en África onde se asentaba a colonia ourensá.