A través dunha iniciativa parlamentar, desde o BNG entenden necesario que a Xunta impulse as actuacións necesarias para a entrada en funcionamento da Praza de Abastos así como a mellora da súa accesibilidade, o acondicionamento comercial do exterior e a urbanización da contorna consonte ao proxectado no seu día
Ourense, 28 de setembro de 2025. Logo de coñecer recentemente o auto de 24 de setembro de 2025 do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense polo que se desestiman as medidas cautelares solicitada pola concesionaria da Praza de Abastos número 1 de Ourense, no BNG insisten na necesidade de avanzar nos traballos precisos para que o edificio recupere a súa operatividade e poida polo tanto entrar en servizo o antes posible.
Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense no Parlamento de Galiza, sinala que “a incapacidade para a xestión dos recursos públicos por parte do Concello de Ourense non pode seguir prexudicando o desenvolvemento económico e social da cidade e comarca, privando á cidadanía de espazos públicos, polo que a Xunta de Galiza debe implicarse activamente na adopción e execución das medidas necesarias para a posta en funcionamento da Praza de Abastos, e na adaptación e acondicionamento da súa contorna, de conformidade co previsto hai varios lustros”.
Tabarés lembra que “logo de investir millóns de euros de recursos públicos e dunha nefasta xestión por parte do Goberno local e coa reforma exterior do edificio practicamente concluída, defectos na execución do proxecto e a ausencia de previsións e actuacións no interior para acomodalo ao destino previsto fai que a infraestrutura siga pechada, sen poder ser usada, e que as comerciantes, contra a súa vontade, continúen a desenvolver a súa actividade na Alameda, un dos poucos espazos verdes de lecer cos que aínda conta a cidade de Ourense”.
No recente auto, o xuiz sinala a necesidade de que sexan as praceiras e os praceiros “quen deba presentar un proxecto de adaptación interior, fixando as características dos postos e as necesidades e condicións de cada un deles en canto a instalacións eléctricas, medidas de seguridade, hixiene ou accesibilidade, mais todo sen prexulgar a quen corresponderá o financiamento e execución dese proxecto de adaptación, algo que cómpre ter en conta”.
A Xunta de Galiza ten manifestado en varias ocasións a súa predisposición a colaborar económicamente coa redacción e execución dos traballos precisos polo que desde as filas do BNG e diante do novo escenario aberto logo do auto emitido polo Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2, “entendemos necesario que a Xunta impulse as actuacións necesarias para a entrada en funcionamento da Praza de Abastos así como a mellora da súa accesibilidade, o acondicionamento comercial do exterior e a urbanización da contorna consonte ao proxectado no seu día para que o traslado se realice o antes posible”.