A Deputación dota á Mancomunidade de Celanova dun camión autoescada que reforza a seguridade e protección da veciñanza da comarca

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este novo vehículo foi presentado hoxe durante unha exhibición, na Praza Maior de Celanova, polo presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; e o presidente da Mancomunidade, Jaime Sousa

Con esta nova incorporación aos medios materiais da Mancomunidade materialízase “unha histórica demanda” desta comarca, financiando ao 100% esta maquinaria que vén a demostrar o noso obxectivo como goberno provincial: “ser útil á veciñanza”, salientou Menor

Luis Menor agradeceu ao alumnado de infantil do colexio Sagrado Corazón e aos seus mestres que os acompañaran neste acto porque “a seguridade e as emerxencias, como todas as cousas importantes, apréndense na escola”

Celanova, 29 de setembro de 2025.

A Deputación de Ourense vén de dotar á Mancomunidade de Celanova cun camión autoescada que reforza a seguridade e a protección da veciñanza desta comarca. Hoxe foi presentado, este novo vehículo, na Praza Maior de Celanova polo presidente provincial, Luis Menor; o alcalde de Celanova, Antonio Puga; o presidente da Mancomunidade, Jaime Sousa, acompañados por representantes institucionais autonómicos e municipais das comarcas de Celanova e Baixa Limia, así como a membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e de Protección Civil.

Con esta nova incorporación aos medios materiais da Mancomunidade de Celanova, financiada ao 100 % pola Deputación cunha axuda de 150.000 euros, materialízase “unha histórica demanda” desta comarca e “demostramos o noso obxectivo como goberno provincial: ser útil á veciñanza”, salientou Menor.

Nunha exhibición con máis de seis vehículos do parque, Luis Menor agradeceu ao alumnado de infantil do Colexio Sagrado Corazón que acompañados polos seus mestres, asistiran a esta demostración porque “a seguridade e as emerxencias, como todas as cousas importantes, apréndense na escola”.

Neste sentido, o presidente provincial puxo en valor a historia de cooperación desta institución a prol da seguridade e das emerxencias na provincia que “nos permita contar con 11 GES, a única provincia en toda Galicia con esta cantidade, parques de bombeiros, maquinaria e axudas ás asociacións de Protección Civil que nos indican que seguimos traballando para mellorar e hoxe, demostramos, que imos na boa dirección”.

Terras de Celanova, unha comarca máis segura

Pola súa parte, o alcalde da vila agradeceu á Deputación a súa colaboración para poder materializar unha “necesidade imperiosa” para a Mancomunidade pero, sobre todo, para a vila de Celanova. Así, manifestou o seu desexo de non “ter que facer uso dela”, pero contar cun vehículo destas características “permitiríanos atender posibles incendios”.

Este novo camión de autoescada reforza a seguridade e a protección da veciñanza de Terras de Celanova, sendo a súa chegada froito dun “traballo conxunto” para garantir un “servizo público de calidade, moderno e eficaz, que dea resposta ás necesidades reais da cidadanía”, dixo o presidente da Mancomunidade.

Ademais, Jaime Sousa dirixiuse ao corpo de bombeiros da entidade de quen louvou a súa “entrega e compromiso” que merece contar “cos mellores medios” dando así un “salto cualitativo que nos permitirá intervir con maior rapidez e eficacia en situacións de emerxencia”.

A escaleira deste vehículo chega a 32 metros, o que equivale a un oitavo ou noveno piso, e leva unha liña fixa de auga que se alimenta con outro vehículo. Un camión que pese a ter moita altura, as súas dimensións permiten acceder a todos os núcleos de poboación da comarca.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------