Ribadavia mellora dous quilómetros de camiños de acceso a fincas e núcleos de poboación

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O Concello de Ribadavia vén de executar actuacións de mellora en preto de dous quilómetros de pistas rurais situadas nos núcleos de Ventosela e Esposende, no marco do Plan Camiña Rural 2025-2026, promovido pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). As obras, cun orzamento subvencionable de 47.331,46 euros (57.271,07 euros con IVE), permitiron renovar o firme, limpar cunetas e marxes, mellorar a capa de rodaxe e reforzar a seguridade viaria en camiños que dan acceso a parcelas agrícolas e que ao mesmo tempo comunican zonas habitadas.

En Ventosela actuouse sobre un tramo de 1.630 metros de lonxitude, mentres que en Esposende se interviu nun treito de 342 metros, ambos cun pavimento en rega asfáltica moi deteriorada. Os traballos consistiron fundamentalmente no bacheo con pedra, a pavimentación mediante dobre rega asfáltica, a roza mecanizada das marxes, a limpeza de cunetas e a instalación de nova sinalización vertical.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, subliñou que “estas melloras supoñen un avance fundamental para o noso rural, facilitando o acceso ás parcelas agrícolas e garantindo unha maior seguridade tanto para os veciños como para o tránsito de vehículos”.

O prazo de execución das obras foi de tres meses e incluíu o correspondente control de calidade e a xestión de residuos segundo establece a normativa vixente. Con esta actuación, Ribadavia reforza o seu compromiso coa modernización das infraestruturas rurais, apoiando á veciñanza e contribuíndo ao desenvolvemento sostible do municipio.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------