O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural de Galicia, celebrarase os días 3 e 4 de outubro
O deputado de Cultura, César Fernández, puxo en valor a “aposta polas raíces e a identidade”
Esta edición rende homenaxe a Julia Bailón, cantora da Magdalena (Monterrei)
Ourense, 1 de outubro de 2025.
A XL Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, declarada de Interese Turístico e Cultural de Galicia, renderá homenaxe a figura das cantareiras, a través de Julia Bailón Fernández, cantora da Magdalena (Monterrei). O evento, que contará cun cento de participantes, celébrase os días 3 e 4 de outubro en Flariz, no parador de Verín e en Albarellos, e porá en valor 40 anos de celebración.
O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández; o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez; e o director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, presentaron hoxe os detalles do programa.
César Fernández destacou a Xuntanza como “referente” na posta en valor da “música, identidade e tradición popular”. Ademais, destacou a aposta da Deputación pola cultura como “liña estratéxica” deste mandato provincial, apoiando proxectos coma este que, dixo, “tamén é unha aposta polas raíces da provincia”.
Pola súa parte, o alcalde de Monterrei lembrou que a Xuntanza Internacional enmárcase nesta edición no festival Monterrei Reverdece, que inclúe a Festa da Vendimia e un concerto de Luar na Lubre. Neste sentido, subliñou o obxectivo da xornada de “rexurdir e celebrar”, concibindo o evento como “unha homenaxe a todos os que traballaron nos terribles incendios deste verán”.
Pola súa banda, Foxo definiu a Xuntanza como “un dos eventos de maior importancia no mundo das cornamusas” e destacou o papel de “reivindicación do mundo rural” ao converter, un ano máis, a Monterrei no epicentro da programación.
A Xuntanza Internacional de Gaiteiros constituíuse, ao longo dos anos, como un prestixioso foro a nivel universal, tendo pasado polos seus escenarios os máis destacados gaiteiros. A súa filosofía é traer a Ourense, desde as gaitas máis primitivas, ata aquelas máis cultivadas.
Programa
Este evento cultural, que naceu hai 40 anos, iníciase na praza da Hermida de Flariz o 3 de outubro, a partir das 19.00 horas. Actuará a Banda de Gaitas de Flariz, músicos de Galicia e o País Vasco e gaiteiros de República Checa, Bélxica e Escocia.
As actividades trasládanse ao Parador de Verín o 4 de outubro, a partir das 12.00 horas. Celebraránse conferencias e mostras de gaitas europeas con gaiteiros e expertos de Galicia, País Vasco, Asturias, Portugal, Bélxica, Escocia e República Checa.
Xa pola tarde do 4 de outubro, a partir das cinco da tarde, a programación trasládase ata Albarellos. Nunha gala presentada por Montse Estévez, actuarán gaiteiros e agrupacións de Galicia, Asturias, País Vasco, República Checa, Bélxica, Escocia e Cuba. Ademais, a Real Banda de Gaitas da Deputación pechará a xuntanza.
A Xuntanza Internacional de Gaiteiros estaba prevista para os días 29 e 30 de agosto, pero ante a situación de incendios forestais que afectaron á provincia durante esas datas, a organización decidiu aprazar o evento.