Caballero reclama á Xunta maior financiación ás universidades públicas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, no marco dunha rolda de contactos cos tres reitores galegos.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Para o plan de financiamento das universidades é necesario facer un esforzo dende a Xunta para que no período 2022-2026 consigamos máis fondos estruturais que permitan reforzar o sistema público universitario galego ante os novos retos de futuro”, reivindicou o líder socialista.

Un deles, como sinalou Gonzalo Caballero, é a media de idade “extremadamente alta” dos cadros de persoal docente e investigador das universidades de Galicia, o que supón “unha chamada de atención para poder crear prazas de profesores, docentes ou investigadores” que “permitan levar á universidade pública galega á vangarda e na fronteira do coñecemento no conxunto internacional”.

Ademais, o responsable socialista fixo fincapé en que as universidades galegas “teñen que ter un papel fundamental nos fondos europeos”, polo que o PSdeG “respaldará e cooperará con todos aqueles proxectos nos que estea involucrada a comunidade universitaria galega” para “revitalizar o tecido produtivo” do país.

De feito, subliñou que “á hora de definir as prioridades de proxectos que poidan captar fondos europeos, o sistema universitario galego é un aval”, xa que “é unha garantía” para que os fondos “sexan utilizados de forma eficiente e solvente”.

Así mesmo, o líder das e dos socialistas galegos puxo en valor o papel das universidades en eidos como a dixitalización, a transición ecolóxica, o novo modelo industrial e a aposta polo medio rural ou o medio mariño.

UNIVERSIDADE PRIVADA

Nesa liña, o secretario xeral das e dos socialistas galegos reivindicou “unha aposta clara pola universidade pública”, que “debe ser a prioridade” fronte a “calquera iniciativa privada que desdebuxe o avanzado”. “Temos magníficas universidades en Galicia que seguen requirindo financiamento e unha aposta de futuro”, advertiu.

Así, amosou a súa coincidencia cos tres reitores das universidades públicas galegas en que calquera proxecto privado ten que ser “compatible” co sistema público.

Neste senso, Gonzalo Caballero deixou claro que o PSdeG actuará no Parlamento como “muro de contención” ante “calquera iniciativa que non teña o respaldo das universidades galegas”.

“Se os tres reitores das universidades públicas galegas consideran que un proxecto dunha universidade privada non é complementario, pon en risco o avanzado ou debilita o modelo do sistema universitario galego, as e os socialistas de Galicia imos estar cos reitores e coa universidade pública”, sentenciou.

RECOÑECEMENTO ÁS UNIVERSIDADES PÚBLICAS GALEGAS

Por último, Caballero amosou o seu recoñecemento á comunidade universitaria polo “traballo e esforzo” ao longo deste último ano “tan complexo”. Así, destacou que a universidade “segue sendo unha fonte de investigación e docencia en tempos de pandemia”.

Ao fío diso, puxo en valor a adaptación da Universidade de Vigo á situación de pandemia cando, a través dun programa de dixitalización, dotou á comunidade universitaria de 2.000 ordenadores portátiles e 500 pantallas táctiles, o cal “é un bo exemplo” de como funcionou o sistema universitario galego.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------