A Deputación, a través do Inorde, analiza solucións para a recuperación do solo tralos lumes, no IV “Foro da Castaña”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente do Inorde, Rosendo Fernández, puxo en valor a “cooperación institucional” coa Consellería de Medio Rural na celebración destas xornadas e destacou ao Concello de Riós como “referente na produción de castañas”

O técnico responsable do Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia, Servando Álvarez, incidiu na importancia de que os chans “non se degraden máis” tralos lumes e na procura de que “a vida vexetal medre”

Expertos do sector abordaron temáticas tamén actuais como: os portaenxertos nas plantacións de castiñeiro, a importancia das asociacións na mellora do seu cultivo ou o tratamento experimental contra o cancro desta árbore

Riós, 3 de outubro de 2025.

O Concello de Riós acolleu esta mañá a inauguración da IV Foro da Castaña, que a Deputación de Ourense celebra hoxe e mañá, a través do Inorde, e que se centra na recuperación do solo tralos incendios forestais.  

O presidente do Inorde e deputado de Turismo, Rosendo Fernández, destacou a “cooperación institucional” como “clave” para levar a cabo estas xornadas, que a Deputación impulsa a través dun convenio coa Consellería de Medio Rural. Fernández definiu a provincia de Ourense como “gran produtora de castañas”, con Riós como zona “referente” do sector.

Ademais, Fernández fixo énfase na importancia do Foro da Castaña para establecer unha “comunicación áxil” entre todos os axentes que interveñen na cadea da castaña, “dende o produtor, ata a industria e os propietarios”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Riós, Eva Barrio, subliñou a importancia de potenciar o sector da castaña, como “parte da nosa esencia e da nosa identidade, a herdanza dos nosos antepasados”.

Por último, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, apuntou na inauguración das xornadas o apoio da Xunta de Galicia ao sector, dende “axuda aos produtores” ata “promoción de produtos”. Asegurou que dende o seu departamento seguirán traballando “para  impulsar unha riqueza tan grande como é o castiñeiro, que sostén o territorio e é parte da nosa historia”.

“Facer un solo novo tralos incendios pode tardar un millón de anos”

Servando Álvarez, técnico responsable do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde, con sede en Xinzo de Limia, foi o encargado de abrir a programación de conferencias.

“Rexenerando cinzas: o chan esquecido nos incendios” foi o título da ponencia deste técnico do Inorde, que explicou en detalle o dano que xeran os lumes forestais no solo. “Nunha cucharilla de solo hai máis organismos que toda a poboación mundial”, asegurou, explicando que tras un incendio forestal, os ecosistemas “rómpense” e o dano resulta “tremendo”.

O técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde explicou que facer un solo novo tras un incendio forestal pode tardar en torno a un millón de anos. Neste sentido, subliñou que o que se pode facer tras un lume é “que non se degrade máis o chan, procurando que non haxa arrastres e que a vida vexetal medre”.

Sobre as posibles solucións, Servando Álvarez aposta por intentar plantar especies herbáceas e, no caso no que as condicións non o permiten, facer coberturas vexetais “para evitar que o aire e a auga non arrastren as cinzas”.

O Centro Agroforestal do Inorde, dependente da Deputación de Ourense, fai un apoio continuo ao sector forestal da provincia. Álvarez explicou aos asistentes as labores de investigación e asesoramento técnico que realizan dende as instalacións de Xinzo de Limia.

Produtores, empresas e entidades

O simposio, que se celebra no mulitusos do Concello de Riós, reúne a produtores de castaña, propietarios individuais e agrupacións propietarias de soutos en Galicia, así como a representantes de empresas privadas e entidades públicas que traballan nalgún ámbito vencellado a este sector.

Durante a xornada, os asistentes tamén puideron visitar unha exposición de maquinaria agrícola e manual relacionada coa recollida da castaña, no exterior do multiusos.

Relatorios sobre os castiñeiros

Trala ponencia da rexeneración de cinzas, continuou a doutora en Bioloxía e especialista en mellora xenética, Beatriz Míguez que falou da importancia dos portanexertos nas plantacións de castiñeiro. Míguez detallou aos interesados a nova xeración de híbridos obtidos por mellora xenética. “O castiñeiro europeo ten moitas variedades, e con denominación, máis de 70”, dixo.

Seguiu Roque Rodríguez, enxeñeiro de Montes, que expuxo as novidades sobre os tratamentos do castiñeiro para madeira e a súa relación coa estrutura de combustibles forestais. “As tipoloxías de formacións de castiñeiros son moi diferentes, non é o mesmo un souto que un monte baixo de castiñeiro”, sinalou. Tamén abordou cuestións como a propiedade e a xestión dos recursos e a madeira de calidade e os seus prezos.

A Asociación Galega das castañas e dos soutos tivo protagonismo para dar conta das asociacións e da súa importancia na mellora do cultivo de castiñeiro, da man de José Antonio Liñares e José Manuel Queijas. Incidiron na importancia de asociarse e lembraron que cando comezaron “apenas eramos coñecidos no sector”, logrando agora un tecido máis consolidado.

Posteriormente, un relatorio sobre a madeira do castiñeiro a cargo de Jose Antonio Lorenzo, do Laboratorio da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural de Galicia (PEMADE).

Desde Asturias, a investigadora da área de Cultivos Hortofrutícolas e Forestais, SERIDA, Marta Ciordia, tratou a orixe e a diversificacións das variedades de castañas en España.

Tras ela, a chef e premio Cociñeira Galega 2024, Begoña Vázquez, protagonizou un showcooking técnico sobre cociña con castañas para os asistentes as xornadas.

Pecharon esta primeira xornada os técnicos forestais da Empresa pública Seaga, Ana Fernádez, Senén Blanco e María M. Meilán, que analizaron o tratamento experimental do cancro do castiñeiro: empacado con terra forestal.

Programación de mañá

Na xornada de mañá, 4 de outubro, desenvolverase a parte práctica do foro cunha visita técnica a Trancoso (Portugal), rexión integrada na DOP da Castaña dos Soutos da Lapa, onde coñecerán os proxectos LIFE FAGESOS e Banco de xermoplasma de Castiñeiro en Trancoso.

Para afondar no primeiro proxecto, os asistentes realizarán un percorrido guiado por unha plantación modelo con explicacións sobre técnicas de xestión sostible e control de patóxenos; e despois visitarán o Banco de xermoplasma de castiñeiro e o souto da variedade “Martaínha”, unha das variedades autóctonas máis destacadas da rexión. 

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------