O Carballiño oferta un curso de introducción á lingua galega para migrantes maiores de 16 anos

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Concellería de Educación do Carballiño ofrece un curso gratuíto de introdución á lingua e cultura galegas para facilitar a integración e adaptación das persoas migrantes. A formación, promovida pola Secretaría Xeral da Lingua, está destinada a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao galego. A concelleira de Educación, Lorena Castro, convida á veciñanza nova do Carballiño a inscribirse e así afondar na lingua e na cultura galegas.

O curso levarase a cabo do 3 ao 12 de novembro, de luns a venres, na aula Cemit da Casa de Cultura do Carballiño en horario de tarde (de 16,00 a 18,30 horas). A actividade conta cun máximo de 20 prazas, que se asignarán por orde de inscrición. Para anotarse é preciso dirixirse ao Servizo municipal de Normalización Lingüística, ubicado no segundo andar da Casa do Concello.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------