A Deputación impulsa as producións sostibles de horta cun Centro de Transformación “de vangarda” en Cantoña

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe as instalacións promovidas polo Inorde que, desde este verán, xa ten a usuarios elaborando os seus propios produtos

Luis Menor puxo en valor as melloras substanciais que trouxo consigo a posta en marcha deste proxecto co que se recupera o patrimonio público e se fomenta a explotación de plantacións e o emprendemento

Implicáronse máis de cen participantes no proceso de deseño e formación deste centro que ten contribuído a xerar unha comunidade ao redor da cal se constituíu unha asociación de 29 persoas que están a cooperar para realizar procesos máis eficientes

Ourense, 15 de outubro de 2025.

O Centro de Transformación para pequenas producións sostibles creado pola Deputación de Ourense a través do Inorde xa se atopa a pleno rendemento. O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe este Centro, ubicado na antiga estación de ferrocarril de Cantoña en Paderne de Allariz, para ver in situ os froitos que está a dar este proxecto que, desde este verán, xa ten a usuarios elaborando os seus propios produtos.

Luis Menor puxo en valor as melloras substanciais que trouxo consigo a posta en marcha deste proxecto como, por exemplo, “a recuperación do patrimonio público” que estaba abandonada e que agora está dotada dun servizo que vai a beneficiar ao rural.

Ademais, con este Centro impúlsase a que os produtores da provincia ou calquera veciño recupere as súas hortas ou pequenas plantacións de froitos para poder transformalos en produtos que poden ser comercializados, motivando así o cultivo e traballo da terra, logrando obter  unha renda complementaria coa comercialización dos seus produtos.

Outro aspecto a destacar é o fomento do emprendemento, xa que aqueles produtores que teñan interese en iniciarse na elaboración e comercialización tanto de conservas vexetais, zumes naturais, ou derivados do mel, teñen aquí todo o necesario para iniciar e testar os seus produtos no mercado sen a necesidade de facer ningún investimento.

Neste sentido, o presidente provincial fíxose eco das palabras dos propios produtores que lle trasladaron o seu agradecemento pola existencia deste Centro afirmando que “ogallá ter isto cando empezamos”, xa que aquí atopan toda esa axuda que require producir con seguridade.

Por último, no eido da innovación social, no proceso de deseño e formación deste centro implicáronse máis de cen participantes e, ademais, ten contribuído a xerar unha comunidade ao redor da cal constituíuse unha asociación de 29 persoas (cunha destacada participación de mulleres) que están comezando a planificar compras conxuntas e cooperando para realizar procesos máis eficientes.

800.000 euros para a rehabilitación, equipamento e formación

A Deputación investiu, a través do Inorde, medio millón de euros na rehabilitación e acondicionamento do edificio, e para o deseño, equipamento e accións de formación contouse cunha axuda de 296.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, subvencións destinadas ao financiamento de proxectos innovadores destinados a transformar o territorio e combater o despoboamento.

A provincia de Ourense conta cun centro colaborativo de transformación de produtos sostibles “de vangarda en Galicia”, salientou Menor, quen felicitou ao equipo do Inorde e a todas as persoas implicadas polo “intenso traballo” realizado ao longo destes últimos catro anos para concretar este proxecto de gran complexidade.

Na visita estivo acompañado polo alcalde do municipio, Manuel Pérez; polo presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, respectivamente; así como por alcaldes e concelleiros dos concellos da comarca.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------